Oleiros encherá de música o Nadal co dobre concerto no Auditorio García Márquez

ACoruñaXa
Os días 13 e 14 de decembro o auditorio acollerá as actuacións da Big Band e da Escola Municipal de Música
Imaxe do auditorio Gabriel García Márquez en Oleiros
10 Dec 2024

O auditorio Gabriel García Márquez converterase esta fin de semana no epicentro musical de Oleiros coas actuacións de Nadal previstas para o venres 13 e o sábado 14 de decembro. O Concello organiza estes concertos para promover a música como ferramenta cultural e educativa, así como un medio para fortalecer a convivencia entre a veciñanza.

O venres 13, ás 20:00 horas, celebrarase o Beat of swing music concert, un espectáculo no que participarán a Big Band do Concello de Oleiros, a Orquestra de Cordas, a Aula de Canto Moderno e os Coros. A proposta ofrecerá un repertorio moderno con fortes influencias do swing.

O sábado 14, ás 18:00 horas, será a quenda da Banda da Escola Municipal de Música de Oleiros, que interpretará O Mago de Oz, unha obra que combina música e narración para ofrecer unha experiencia especial para todos os públicos.

Ambos concertos serán de acceso gratuíto e representan unha oportunidade única para desfrutar da música en familia e celebrar o espírito destas datas.

 

⚙ Configurar cookies
0.12242412567139