Oleiros desbloquea a contratación da senda costeira entre Naval e Canide por 1,4 millóns

ACoruñaXa
O Concello iniciará os trámites para executar os 2,5 quilómetros de percorrido tras recibir a autorización da Xunta, case un ano despois de solicitar o informe
senda-costeira-entre-Naval-e-Canide-Oleiros
31 Oct 2026

O Concello de Oleiros tramitará de inmediato a contratación das obras da senda litoral entre Naval e Canide, cun orzamento de 1,4 millóns de euros, despois de que a Xunta de Galicia autorizase o proxecto case un ano despois de recibir a solicitude municipal. A actuación permitirá avanzar na conexión do litoral do municipio mediante itinerarios peonís e paseos costeiros.

O Goberno local critica a demora na emisión do informe autonómico e considera que, de terse producido con maior dilixencia, as obras poderían estar xa rematadas e abertas ao uso da cidadanía. Ademais, apunta a unha posible motivación partidista detrás do atraso e sostén que existen indicios de que a espera foi intencionada para prexudicar o Executivo municipal.

O Concello remitiu a documentación á Xunta en decembro de 2025. Antes diso, xa completara as expropiacións necesarias para desenvolver os 2,5 quilómetros da senda, que afectan a 29.631 metros cadrados repartidos en 61 parcelas, todas elas clasificadas como solo rústico. O investimento municipal nestes terreos ascendeu a 270.000 euros.

A nova infraestrutura, xunto coas obras recentemente finalizadas do paseo Pepe Mujica, permitirá conectar mediante sendas e paseos costeiros todo o litoral de Oleiros, ampliando as posibilidades de percorrido a pé pola costa do municipio.

0.11764097213745