Oleiros denuncia a falta de profesorado de apoio para o alumando con necesidades especiais

ACoruñaXa
Os colexios Juana de Vega e Rabadeira sofren recortes de profesorado de apoio pese ao aumento de alumnado con necesidades especiais
Imaxe recurso dunha bolsa de educación
30 sep 2024

O Concello de Oleiros solicitou á Xunta de Galicia un incremento urxente no número de profesores de apoio nos colexios Juana de Vega e Rabadeira, tras a redución de persoal especializado en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. A demanda chega como resposta ás queixas expresadas polas asociacións de nais e pais (ANPA) dos centros, que alertaron sobre a situación. O alcalde dirixiuse por escrito á Consellería de Educación para instar a unha modificación desta situación.

O Colexio Juana de Vega, que aumentou o seu alumnado de 404 a 417 estudantes no curso 2024/2025, sufriu unha redución do profesorado de apoio, pasando de 5 mestres a só 3. Ademais, o Concello demanda a incorporación inmediata dun docente de primaria, cuxa ausencia está a causar problemas organizativos no centro e un malestar crecente entre a comunidade educativa.

A situación no Colexio Rabadeira é semellante, onde se suprimiu unha praza de profesor de Audición e Linguaxe, malia o aumento do alumnado con necesidades especiais.

Dende o Concello insisten na importancia de cumprir coa normativa vixente para garantir unha educación adecuada e inclusiva para os nenos e nenas con necesidades educativas especiais. Actualmente, aseguran que esta normativa non se está a respectar nos colexios públicos de Nós e Oleiros, o que repercute negativamente na calidade educativa que reciben os estudantes.

0.15907287597656