Oleiros demostra cun informe técnico que AENA sobredimensiona as afectacións sonoras do aeroporto

ACoruñaXa
Un estudo acústico municipal revela que os valores reais de ruído son inferiores aos estimados por AENA
Imaxe do aeroporto da Coruña
22 Jan 2025

O Concello de Oleiros realizou un estudo técnico para defender á veciñanza de Montrove ante as afeccións da "pegada sonora" do aeroporto de Alvedro que AENA pretende impoñer. As medicións leváronse a cabo en 9 puntos distintos entre os días 3 e 31 de decembro, e os resultados indican que as curvas isófonas proporcionadas por AENA presentan valores máis elevados dos rexistrados in situ cos sensores acústicos.

O Concello presentou alegacións ao Real Decreto no que o Ministerio de Transportes aprobaba as servidumes aeronáuticas acústicas, o mapa de ruído e o plan de acción do aeroporto de Alvedro. Segundo o documento oficial, 53 hectáreas de Montrove e O Seixal quedarían afectadas. Ante a falta de resposta ás alegacións, o Concello decidiu elevar o asunto ao Tribunal Supremo e achegará este informe técnico como evidencia.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, afirmou que os datos recollidos demostran que as estimacións de AENA non se axustan á realidade. "Con este estudo acabamos de demostrar que o que di AENA está sobredimensionado e que a zona de protección debe ser menor", sinalou Seoane.

As medicións levadas a cabo en decembro foron realizadas con sensores acústicos de alta precisión e abrangueron diferentes franxas horarias para obter unha visión completa do impacto real do ruído aeroportuario. Os resultados suxiren que as zonas residenciais próximas ao aeroporto non experimentan niveis de ruído tan elevados como os previstos por AENA.

O Concello de Oleiros continuará loitando polos dereitos da veciñanza e espera que este informe técnico sirva para modificar as actuais servidumes aeronáuticas e reducir a área de afección sonora imposta.


 

0.16865205764771