Oleiros da luz verde ás expropiacións para a creación da senda peonil entre Naval e Canide
O Concello de Oleiros aprobou, na sesión plenaria de febreiro celebrada este xoves, o expediente de expropiación para a creación da senda litoral de 2,5 km que unirá Naval e Canide. Cómpre lembrar que fai uns meses se xe derá luz verde ao proxecto técnico por parte da Xunta do Goberno local.
O proxecto das obras para a habilitación dunha senda peonil e ciclista entre Naval e Canide supón un investimento total que supera os 2,8 millóns de euros, dos que 253.341,61 euros serán para a adquisición do solo necesario para realizar o paseo.
Este é un paso máis para facer practicable ese treito costeiro que percorre a parroquia de Dorneda e que supón un itinerario alternativo, ciclopeonil, entre Mera e Santa Cruz. Apuntan dende o Concello que deste xeito, toda a costa de Oleiros será camiñable por terreos públicos.
Outros asuntos tamén tratados no pleno celebrado onte foi a aprobaicón da execución da obra de remodelación integral da Escola Infantil A Pardela (que comezará este verán e se realizará en dúas fases) e unha modificación do regulamento que rexe as normas dos plenos para garantir o funcionamento democrático das sesións.
A sesión plenaria comezou coa lectura da Declaración Institucional do Concello de Oleiros con motivo do 8-M por parte de rapazada que participa activamente nas Casas da Mocidade. Unha vez máis, serviu para expresar o firme compromiso do Concello de seguir traballando a prol dun futuro máis amable, xusto e igualitario para as novas xeracións; como así tamén poñer de manifesto a loita histórica e incansable das mulleres durante xeracións para defender a súa valía en todos ámbitos da vida pública, política, artística, científica ou calquera outra disciplina que se non se axuste ás parcelas históricas nas que se relegou á muller: ao fogar e aos coidados da familia.