Oleiros convoca a veciñanza para as asembleas informativas sobre cooperativas de vivendas

ACoruñaXa
O Concello de Oleiros busca facilitar o acceso á vivenda mediante cooperativas, priorizando a calidade e a localización en áreas estratéxicas
Imaxe recurso de vivendas sociais
16 Xul 2024

Os veciños e veciñas de Oleiros que se inscribiron a través da web municipal para participar nas cooperativas de vivendas recibirán un correo electrónico nos vindeiros días, invitándoos a asistir a unhas asembleas informativas que terán lugar no auditorio Gabriel García Márquez de Mera. Durante estes encontros, proporcionarase toda a información relevante sobre o proceso, requisitos, prazos, custos, opcións de financiamento e características das vivendas.

Os prezos dos pisos e os requisitos de acceso seguirán as pautas establecidas pola Xunta, priorizando aos veciños e veciñas de Oleiros. As vivendas serán de alta calidade e estarán ubicadas en excelentes lugares: no centro de Perillo, na urbanización de Xaz e no centro de Mera.

En España, o acceso á vivenda presenta serios problemas, e Oleiros non é unha excepción. Ante a falta de políticas públicas efectivas por parte da Xunta e do Estado, que son as administracións competentes neste ámbito, o Concello toma a iniciativa e impulsa a creación de cooperativas de vivendas en Perillo, Dorneda e Mera, mediante a venda de parcelas de propiedade municipal, adquiridas sen custo a través da xestión urbanística, a prezos inferiores aos do mercado.

0.16577506065369