Oleiros continúa co proxecto de apoio a familias cun diagnóstico TEA

ACoruñaXa
As sesións estarán guiadas Rocío Salgado, psicóloga e terapeuta familiar, especializada en acompañamento a persoas no espectro autista
tea-recurso
18 May 2025

O Concello de Oleiros, desde o Programa de Familias Inquedas, dá continuidade ao grupo de apoio a familias con nenos e nenas cun diagnóstico do espectro autista que se iniciou o ano pasado.

En outono de 2024, a través dun proxecto piloto, iniciouse esta actividade que se retoma no 2025 con sesións mensuais ata finais de ano. A boa acollida a esta actividade confirmou a necesidade de ofrecer estes espazos para o benestar emocional das familias nesta situación.

Inicialmente programouse unha charla sobre este tema co título “Retos e desafíos na crianza de nenos e nenas cun diagnóstico TEA” e agora ábrese un período de inscrición para asistir de forma regular a este grupo de apoio para nais e pais

Este grupo, a través de sesións mensuais dirixidas por unha especialista, ten un dobre obxectivo: ofrecer pautas para que os nenos e nenas con este diagnóstico acaden o maior grado de desenvolvemento e autonomía persoal posible, así como, de forma paralela, crear un espazo de escoita sen xuízos e de reflexión conxunta no que as familias poidan compartir emocións, experiencias e aprendizaxes.

As sesións estarán guiadas Rocío Salgado, psicóloga e terapeuta familiar, especializada en acompañamento a persoas no espectro autista e as súas familias con ampla experiencia neste ámbito.

A primeira sesión será o vindeiro luns 26 de maio e seguirán cunha periodicidade mensual ata o mes de decembro, agás nos meses de xullo e agosto, nas instalacións municipais de Villa Echeverry en Perillo, en horario de 18:00 a 20:00 horas.

Para participar neste grupo de apoio é necesario inscribirse a través dun formulario na web municipal www.oleiros.org no apartado PARTICIPA/ACTIVIDADES SOCIAIS ata o martes 21 de maio.

⚙ Configurar cookies
0.15370798110962