Oleiros continúa a denunciar o caos e a masificación de pasaxeiros no servizo de transporte público da Xunta con A Coruña

ACoruñaXa
Para o Concello, resulta incomprensible que existindo unha forte demanda, incrementada no verán pola afluencia de persoas ás praias, se eliminasen frecuencias e liñas, e tampouco se permitise a extensión dos bus urbano da Coruña ata Santa Cristina
Imaxe dos autobuses da Xunta
5 Xul 2024

O Concello de Oleiros sinala que a Xunta de Galicia segue sen resolver os graves problemas creados no transporte público desde os cambios realizados o pasado 22 de xuño.

Sinalan que a situación é de tal caos que no día de onte chegou a producirse unha avalancha para montar no autobús en Entrexardíns, que non tivo consecuencias peores grazas á responsabilidade dun par de mozos que se xogaron o físico.

Para o Concello, resulta incomprensible que existindo unha forte demanda, incrementada no verán pola afluencia de persoas ás praias, se eliminasen frecuencias e liñas, e tampouco se permitise a extensión dos bus urbano da Coruña ata Santa Cristina. Así, os buses van ateigados de cidadáns, deixando a numerosas persoas nas paradas sen poder montar. Ante o abarrotamento de pasaxeiros, ocúpanse os espazos para persoas con cadeiras de rodas que están a ter case imposible o acceso aos autobuses.

A cidadanía tamén esta a denunciar que se producen numerosos retrasos e que hai buses que non chegan a pasar. En cambio, noutras ocasións pasan dous seguidos.

Neste sentido, o Concello de Oleiros apunta que a Xunta de Galicia está demostrando unha incompetencia total na xestión do servizo de transporte público, que están a sufrir centos de cidadáns de Dexo, Serantes, Maianca, Dorneda, Liáns e Perillo, que se ven obrigados a deixar de usar o autobús para os seus desprazamentos. É unha vergoña que despois de dúas semanas denunciando esta situación por parte do Concello e de centos de cidadáns aínda non se obrigase á concesionaria do servizo a recuperar as frecuencias e liñas eliminadas na súa totalidade.

 

0.17752003669739