Oleiros construirá mediante cooperativas 54 vivendas sociais en Perillo, Xaz e Mera
O Concello de Oleiros informa de que os veciños e veciñas de Oleiros que cumpran os requisitos económicos estipulados poderán optar a unha vivenda de prezo reducido en Perillo, Dorneda ou Mera a través da participación nunha cooperativa de vivendas.
Os requisitos e condicións para participar nesta iniciativa do Concello, mediante a que se crearán 54 pisos poderán coñecerse nas vindeiras semanas.
Finalizado recentemente sen ofertas o proceso de poxa pública das parcelas onde se construirán os edificios, unha empresa interesada en promover cooperativas pretende adquirir as 3 parcelas. Desta maneira, crearanse vivendas de alta calidade a prezos inferiores aos do mercado libre, posto que as cooperativas non poden ter uso lucrativo.
Esta fórmula de promoción cooperativa considérase a máis favorable para as persoas que desexen obter unha vivenda a baixo prezo, xa que debido ás condicións ofrecidas pola Xunta, o sistema convencional de fomentar a construción de vivenda pública non funciona, xa que non interesa a ningunha empresa promotora.