Oleiros comeza as obras de mellora do depósito da Edreira

O Concello de Oleiros deu comezo ás obras de mellora do depósito da Edreira, a principal instalación de almacenamento de auga do municipio. A actuación, que conta cun orzamento de 368.288,98 euros, ten como obxectivo optimizar o funcionamento da rede de abastecemento e mellorar a calidade do servizo que se presta á veciñanza.
Para levar a cabo os traballos é necesario baleirar, limpar e volver encher o depósito, un proceso que podería provocar algunhas incidencias puntuais na presión da subministración de auga, así como episodios de turbidez na auga. Estas afeccións poderían notarse en distintas zonas do municipio, entre elas Oleiros, Montrove, Dorneda, Mera, Dexo e Lorbé.
Segundo informou o Concello, na actualidade xa se están a desenvolver os traballos iniciais da intervención. A fase considerada máis crítica da obra está prevista para as próximas semanas e estímase que terá unha duración aproximada de 20 días.
Dende o goberno local pedíuselle comprensión á veciñanza ante as posibles molestias que se poidan derivar destes traballos, que se consideran necesarios para mellorar as instalacións e garantir un mellor servizo de abastecemento de auga en todo o municipio.