A situación dos accesos ao Parque das Galeras agrávase tras un novo desprendemento provocado pola falta de intervención por parte da Xefatura de Costas. A ausencia de reparacións adecuadas para conter os desprendementos anteriores deu lugar a este novo incidente, que pon en risco a seguridade das pasarelas de madeira que dan acceso ao parque.
O Concello de Oleiros volveu dirixirse á Xefatura de Costas da Coruña para solicitar con carácter urxente a reparación do noiro. As pasarelas, construídas baixo a supervisión de Costas e que son empregadas diariamente por centos de persoas, están en perigo se non se toma unha acción inmediata para asegurar a súa estabilidade.
Na ocasión anterior, o Concello xa había solicitado a intervención de Costas para asegurar o noiro, pero non se tomou ningunha medida para solucionar o problema. De ter actuado oportunamente, a situación actual podería terse evitado.
O Concello de Oleiros insiste na necesidade de realizar as reparacións necesarias para garantir a seguridade dos visitantes e manter en bo estado as infraestruturas do parque.