Oleiros adxudica por 1,5 millóns as obras da grada cuberta e os vestiarios do campo do Redondo

O Concello de Oleiros formalizou a contratación das obras de mellora do Campo Municipal do Redondo, en Montrove, por un importe de 1.579.019 euros. Os traballos, que está previsto que comecen antes de que finalice o ano, contemplan a construción dunha nova grada cuberta e a renovación dos vestiarios desta instalación deportiva.
Segundo o Concello, con esta intervención mellorarán as condicións nas que adestran e compiten os equipos que usan habitualmente este campo, o Atlético Perillo e o Unión Campestre, que contarán cun espazo máis cómodo, funcional e adaptado ás súas necesidades.
O goberno municipal enmarca esta actuación dentro dun plan de mellora da rede de instalacións deportivas do municipio, co que, segundo as súas previsións, se impulsará a práctica do deporte de base e se porán a disposición da veciñanza espazos de maior calidade.