Oleiros adxudica o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas maiores e dependentes
A mesa de contratación do Concello de Oleiros adxudicou este venres o Servizo de Axuda no Fogar á Fundación para el Estudio y la Promoción de la Acción Social (FEPAS). O investimento previsto é de 2.071.000 euros anuais. O contrato terá unha duración de 2 anos con dúas posibilidades de prórroga de una ano cada unha delas, até un máximo de 4 anos en total.
Deste xeito blíndase a calidade dun servizo tan necesario no municipio. Entre outras novidades, co novo contrato o Concello incrementa a asignación ás persoas contratadas de 18 euros/hora a 23,91 euros/hora –a Xunta de Galicia só aporta 12 euros/hora-. Tamén se revisou á alza o desprazamento das traballadoras, pasando de 0,22 euros/km a 0,26.
Este servizo municipal consiste en ofrecer atención persoal para actividades básicas e instrumentais da vida diaria, outras de carácter psicosocial e educativo así como servizos tipo cadeiras de rodas ou duchas, camas articuladas, podoloxía, fisioterapia ou perruquería, entre outros. Tamén prestan atención a distancia, como telemedicina, teleseguimento, teleasistencia e semellantes, así como viaxes en taxi, entre outras necesidades.
Entre os obxectivos principais deste tipo de contratos tan necesarios para mellorar a calidade de vida e autonomía persoal das persoas usuarias residen outros como ofrecer apoio a persoas coidadoras, fortalecer o sentimento de seguridade das persoas usuarias do servizo, posibilitar (sempre que sexa posible) a permanencia da persoa no domicilio o maior tempo posible cunha calidade de vida aceptable, evitando así o seu ingreso nun servizo de aloxamento ou centro residencial; previr a deterioración e compensar a perda de autonomía das persoas usuarias, prestándolles axuda parcial ou total para realizar actividades básicas da vida diaria ou complementar o coidado das persoas menores cando os seus proxenitores ou titores teñen dificultades para garantir a atención das súas necesidades básicas; entre outros.
As persoas usuarias seguirán pagando en función á súa renda, aínda que na maior parte dos casos se seguirá bonificando o 100%.