Oleiros acollerá en novembro a representantes de grandes cidades do mundo para falar de cambio climático
Galicia reunirá o vindeiro mes de novembro a representantes de cidades como Nova Iorque ou Xenebra nunha xornada sobre o papel das urbes fronte ao cambio climático, que organizará o Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia (Ceida).
Tal e como se informou hoxe na reunión do comisión executiva do Ceida, á que asistiu a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, o castelo de Santa Cruz acollerá a xornada O papel das grandes cidades na loita contra o cambio climático e a crise ambiental, na que se abordarán diversas estratexias para reforzar a resiliencia ante ese fenómeno global como, por exemplo, a renaturalización das cidades a través de iniciativas como o desenvolvemento dunha infraestrutura verde.
Cómpre lembrar que este instrumento estratéxico para a planificación do territorio fai especial fincapé nas cidades dado que é onde se xeran entre un 40% e un 70% das emisións de gases de efectos invernadoiro. Así, promove iniciativas como a creación de rúas verdes con especies autóctonas que contribúan a atenuar o efecto “illa de calor”, a implantación de novos espazos como fachadas, cubertas, muros e balcóns verdes, ou o aproveitamento das oportunidades que ofrecen as zonas de periferia -camiños rurais, áreas recreativas, etc.-.
Nesa liña, o director científico do Xardín Botánico de Nova Iorque (Estados Unidos) e os alcaldes de Xenebra (Suíza), Oeiras (Portugal), Vitoria-Gasteiz (Arava) e Pontevedra explicarán as súas experiencias neste eido co obxectivo de aproveitar sinerxías no desenvolvemento de políticas locais de sustentabilidade ambiental.
A maiores, na reunión da comisión executiva tamén se fixo balance da actividade desenvolvida polo Ceida ao longo deste ano 2024. Ata o de agora, lévanse realizado máis de 950 actividades nas que participaron máis de 32.000 persoas.