Oleiros abre o primeiro prazo de pagamento voluntario da rodaxe, VAOS, nichos e caixeiros

O Concello de Oleiros abrirá o vindeiro 1 de marzo o primeiro período de pagamento voluntario de varios tributos municipais, un prazo que se estenderá ata o 30 de abril. Trátase, segundo lembra o Concello, dunha xanela para aboar recibos vinculados á rodaxe, ás reservas de espazo e entradas de vehículos, aos cemiterios e ao aproveitamento do dominio público por determinados servizos.
Neste primeiro período poderán pagarse o Imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM), a taxa por entrada de vehículos a través das beirarrúas e reserva de espazo (VAOS), a taxa de cemiterios municipais (nichos) e a taxa polo aproveitamento do dominio público con caixeiros de entidades financeiras e máquinas expendedoras instaladas en fachadas e manipulables desde a vía pública.
No caso dos recibos domiciliados, o Concello indica que o cargo nas entidades bancarias realizarase o 1 de abril de 2026.
Para as persoas que non teñan os recibos domiciliados, o Concello detalla varias vías de pagamento. Poderase facer a través das entidades colaboradoras ABANCA, CAIXABANK, BBVA e Banco Santander, sempre contando cos documentos de ingreso necesarios. Tamén se poderá aboar na Oficina de Recadación dentro do seu horario de atención ao público, así como mediante internet, banca electrónica e caixeiros automáticos nas entidades que o permitan.
Ademais, o Concello habilita opcións na sede electrónica de www.oleiros.org: tanto para usuarios con identificación (sistema cl@ve ou certificado dixital) no apartado 'os meus recibos', como para usuarios sen identificación, no espazo de 'pago de recibos, taxas e multas', onde será preciso introducir os datos do recibo, incluíndo emisora, identificación, referencia e importe.