Oleiros abre o prazo de solicitude das vivendas sociais de Perillo, Dorneda e Mera

ACoruñaXa
Todas as persoas preinscritas no formulario habilitado na web municipal serán informadas polo Concello do procedemento a seguir para formar parte das cooperativas
Imaxe recurso de vivendas sociais
27 Mar 2024

As veciñas e veciños de Oleiros que desexen adquirir un piso a prezos inferiores aos do mercado libre poden preinscribirse para optar a participar nunha das 3 cooperativas que se van crear para construír 54 vivendas.

As vivendas estarán situadas nas parroquias de Perillo, Mera e Dorneda: 13 na rúa Dona Emilia en Perillo, 19 na rúa Eduardo Galeano en Mera e 22 na urbanización de Xaz en Dorneda no paso da Avenida Europa.

No proceso, inicialmente, só poderán participar persoas empadroadas en Oleiros que non superen os criterios económicos máximos establecidos pola Xunta de Galicia para acceder a vivendas de protección de oficial.

Todas as persoas preinscritas no formulario habilitado na web municipal serán informadas polo Concello do procedemento a seguir para formar parte das cooperativas que creará a empresa encargada de xestionar a construción das vivendas.

Nas vindeiras semanas formalizarase a venda das 3 parcelas municipais para edificar estas vivendas á empresa que formará as cooperativas. Este solo foi acadado gratuitamente pola xestión urbanística que realiza o Goberno municipal, que garante un crecemento ordenado e sostible do territorio.

Ante a falta de políticas públicas por parte das administracións competentes en vivenda (Xunta e Estado), o Concello de Oleiros optou por esta vía para garantir un dereito básico da cidadanía, fortemente ameazado en todo o Estado español. Debido ás condicións ofrecidas pola Xunta, o sistema convencional de fomentar a construción de vivenda pública non funciona, xa que non interesa a ningunha empresa promotora.

 

0.16683292388916