Oleiros abre este venres a pista de xeo no Polideportivo da Avenida II República

ACoruñaXa
A atracción permanecerá aberta ata o 12 de xaneiro e complementarase con actividades de Nadal en Perillo e Santa Cruz
Imaxe da pista de xeo en Oleiros
28 Nov 2024

A partir deste venres, 29 de novembro, veciños e visitantes de Oleiros poderán gozar da pista de xeo natural instalada na Polideportiva da Avenida II República, en Perillo. A pista permanecerá aberta ata o 12 de xaneiro de 2025, como parte dun amplo programa de actividades de Nadal organizado polo Concello.

A pista terá horarios adaptados segundo a época. Durante o período lectivo, abrirá de luns a xoves de 16:45 a 21:30 horas, os venres de 16:00 a 22:45 horas, e as fins de semana e festivos de 11:00 a 22:45 horas. Nas vacacións de Nadal, estará dispoñible todos os días de 11:00 a 22:45 horas, agás o 24 e 31 de decembro (11:00 a 18:15 horas) e o 25 de decembro, 1 e 6 de xaneiro (11:00 a 14:00 e 16:45 a 22:45 horas). O custo do acceso será de 6 euros por media hora, incluíndo o alugueiro de patíns. É obrigatorio o uso de luvas.

O Concello colabora coas escolas públicas de primaria para organizar saídas escolares á pista, financiando integramente a actividade. Máis de 1.500 nenos e nenas de Oleiros beneficiaranse desta iniciativa antes das vacacións de Nadal.

Un Nadal cheo de actividades en Santa Cruz e Perillo

Ademais da pista de xeo, o Concello instalará, na primeira semana de decembro, atraccións de prezos populares na Praza Esther Pita, en Santa Cruz. Este espazo acollerá tamén obradoiros de artes plásticas, animación infantil e actuacións musicais durante todo o mes.

Por outra banda, Oleiros colaborará coas entidades sociais, culturais e comerciais do municipio, asumindo os custos enerxéticos do alumeado navideño que adornará diferentes zonas. Estas iniciativas buscan fomentar o ambiente festivo e ofrecer alternativas de ocio para todas as idades, consolidando Oleiros como un referente das actividades de Nadal na comarca.

0.15787601470947