Oleiros abre as inscricións para aprender a manexar o móbil e a informática

O Concello de Oleiros abrirá o luns 9 de marzo o prazo de inscrición para os cursos de alfabetización dixital orientados a persoas maiores: formación en manexo de móbiles e tamén en informática. A convocatoria inclúe cinco obradoiros en total (tres de móbil e dous de informática), cun máximo de 12 participantes por quenda e un custo de 15 euros por persoa e obradoiro.
As persoas interesadas poderán anotarse por dúas vías. A inscrición telefónica realizarase a través do servizo de atención veciñal (981 610 000), en horario de 16.00 a 19.00 horas, ata o venres 13 de marzo. Quen prefira facer o trámite en liña poderá inscribirse desde a web municipal ata o domingo 15 de marzo ás 23.00 horas.
No apartado formativo, os cursos contan con 24 sesións de 90 minutos e desenvolveranse durante os meses de abril e maio. No caso do manexo de móbiles, ofértanse tres quendas (nivel avanzado e nivel medio) en Perillo, Nós e Dorneda. Pola súa banda, os obradoiros de informática impartiranse no Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo, con dous grupos en horario de tarde.