Oleiros abre a convocatoria para o XI Premio Literario Descubrindo Oleiros
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros convoca a undécima edición do Premio Literario Descubrindo Oleiros, un certame que busca promover a lingua galega e dar a coñecer os espazos, costumes e historia do municipio.
O concurso está dividido en seis categorías, abarcando desde nenos e nenas de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria ata estudantes da ESO, mozos e mozas de 16 e 17 anos, e persoas maiores de 18 anos. Poderán participar todas as persoas empadroadas ou escolarizadas en Oleiros, sempre que os relatos presentados cumpran coas bases do certame.
Os textos deberán estar ambientados en Oleiros, ser inéditos, estar escritos en galego e non ter sido premiados ou presentados noutros concursos. O prazo de presentación estará aberto ata o 15 de febreiro de 2025.
O alumnado poderá entregar os relatos a través dos centros de ensino ou no Rexistro da Fábrica. No caso das persoas adultas, os textos deberán presentarse exclusivamente no rexistro indicado. A documentación debe incluír un sobre grande co título do relato e, no seu interior, un sobre pequeno pechado co formulario de inscrición, copia do documento de identidade e, para menores de idade, os documentos do titor/a legal e o Libro de familia.
Os premios inclúen bonos de 200 euros para cada categoría, canxeables en comercios de Oleiros que promovan a lectura, a creatividade e a cultura galega. Ademais, poderanse outorgar ata dous accésits en cada categoría.