Oito alcaldías da comarca reclaman un plan de rescate inmediato para Losán e Aserpal

ACoruñaXa
Un manifesto conxunto esixe á empresa un plan de reactivación ‘sen parches’ e pide ao Goberno central, coa colaboración da Xunta, unha intervención coordinada da SEPI e do Igape para recuperar a produción ao 100 %
CURTIS reunion losan alcalders
12 Jan 2026

Oito alcaldes da comarca veñen de unir forzas para presionar a favor da continuidade industrial de Losán e Aserpal e reclamar unha solución urxente á situación que atravesa o grupo. Os rexedores que subscriben o documento pertencen aos concellos de Vilasantar, Irixoa, Curtis, Mesía, Sobrado, Boimorto, Melide e Oza-Cesuras, e aseguran manter unha unidade de acción ‘total e absoluta’, por riba de cores políticas, ao considerar que está en xogo o benestar de centos de veciños na área de influencia.

O manifesto sitúa a responsabilidade en dous planos. Por unha banda, apunta ao Consello de Administración de Losán e esixe que presente ‘á maior brevidade posible’ un plan de reactivación industrial que vaia máis alá de medidas temporais. Os alcaldes sosteñen que o problema é de xestión e tesourería e non de falta de mercado, ao entender que a madeira é un sector con demanda e futuro.

Por outra, os asinantes reclaman ao Goberno central, coa colaboración da Xunta de Galicia, unha intervención coordinada para garantir a viabilidade. En concreto, instan a SEPI e ao Igape a activar mecanismos de apoio a empresas estratéxicas que aseguren o circulante necesario para volver producir ao 100 %.

‘Salvar as fábricas do grupo Losán é salvar o noso rural’, recolle o texto, no que tamén se subliña o efecto multiplicador do emprego industrial na contorna. Os rexedores remarcan que, por cada posto directo, hai familias que dependen indirectamente do transporte, do monte e de actividades asociadas, e avisan de que non quedarán ‘de brazos cruzados’ mentres o motor económico da comarca se deteña por unha xestión financeira ‘inviable’.

O documento foi remitido de inmediato ao presidente do Consello de Administración da empresa e tamén aos ministerios competentes, á SEPI, ao Igape e á Consellería de Economía e Industria como medida de presión para desbloquear o conflito social e laboral.

⚙ Configurar cookies
0.080778121948242