Obras na travesía de Meicende obrigarán a circular por un só carril ata o mércores

A travesía de Meicende sufrirá desde este luns, 25 de maio, e ata o mércores 27 novas restricións de tráfico pola execución de traballos de reparación do firme. A actuación desenvolverase no tramo comprendido entre o cruzamento coa avenida do Butano e a rotonda de entrada a Meicende, unha zona de paso habitual para a veciñanza e para os vehículos que conectan co ámbito de Sabón.
Durante os tres días de obra, a circulación pola zona quedará limitada a un único carril para ambos os sentidos. O paso dos vehículos estará regulado mediante semáforos, co obxectivo de garantir a seguridade dos operarios e ordenar o tráfico mentres se realizan os traballos.
A primeira afección producirase este luns, cando se cortará o carril dereito da vía a partir das 10.00 horas. Ademais, quedará prohibido estacionar nese mesmo marxe entre as 8.00 e as 20.00 horas, no sentido de circulación Meicende-A Coruña.
O martes 26, as restricións trasladaranse ao carril esquerdo, que permanecerá cortado desde as 10.00 horas. Tamén se prohibirá o aparcamento nese lado da vía entre as 8.00 e as 20.00 horas, igualmente no sentido Meicende-A Coruña.
O dispositivo repetirase o mércores 27, con corte do carril esquerdo desde as 10.00 horas e prohibición de estacionamento no mesmo marxe entre as 8.00 e as 20.00 horas. Durante toda a intervención, recoméndase ás persoas condutoras que eviten a zona sempre que sexa posible.
Para reducir retencións, a alternativa recomendada é a AC-552. A travesía de Meicende debería utilizarse só nos casos nos que sexa necesario acceder a este tramo ou ás vivendas, negocios e servizos da contorna.
Estes traballos son previos á renovación integral da iluminación no corredor viario que une Meicende e Sabón, unha actuación que se prevé iniciar dentro dun mes e que abranguerá uns seis quilómetros, desde a rotonda de entrada a Meicende ata a glorieta de Sabón.
Ese proxecto incluirá a instalación de novas luminarias con tecnoloxía LED, columnas de aceiro galvanizado e un sistema de telexestión punto a punto para controlar a rede en tempo real, detectar incidencias e axilizar reparacións. A actuación beneficiará a núcleos como Meicende, Pastoriza, Sol e Mar e Oseiro.
A futura obra tamén implicará cambios nos pasos de peóns. Por ese motivo, a reparación da base da estrada executarase agora e o asfaltado definitivo quedará para unha fase posterior, unha vez se acometan as modificacións previstas dentro do proxecto de renovación da iluminación.