Obradoiros de verán gratuítos encherán de arqueoloxía o Castro de Elviña e o Castelo de San Antón na Coruña

O Museo Arqueolóxico da Coruña inicia este mes de xullo a súa programación estival gratuíta deseñada para achegar a historia local a un público familiar. Esta iniciativa de dinamización cultural impulsada polo Goberno de Inés Rey estenderase ata finais de agosto e ofrecerá experiencias prácticas divididas en tres grandes temáticas con dúas quendas por actividade.
Segundo explicou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, a cidade posúe un patrimonio histórico moi destacado que supón o testemuño de moitas xeracións. O edil sinalou que con estas propostas preténdese divertir e divulgar ao mesmo tempo os misterios do pasado que saen á luz grazas ás escavacións arqueolóxicas, atopando no Castro de Elviña e no Castelo de San Antón os emprazamentos ideais.
A primeira das propostas titúlase 'Aventura arqueolóxica' e desenvolverase no xacemento do Castro de Elviña os días 11 e 18 de xullo a partir das 11.00 horas. Os participantes, especialmente a cativada, aprenderán as técnicas de traballo dos expertos e participarán nunha simulación de escavación para desenterrar pezas que axudan a recompoñer o relato histórico do espazo.
Durante o mes de agosto a actividade trasladarase ao Castelo de San Antón tamén ás 11.00 horas. Os días 1 e 22 de agosto terá lugar a cita 'Fiando o fío', centrada na indumentaria antiga e na creación de útiles e tinturas naturais. Posteriormente, os días 8 e 29 de agosto, impartirase o taller 'A arte de tecer', onde se descubrirá o funcionamento dos teares históricos e o seu impacto na confección de roupa. As inscricións para estas xornadas gratuítas pódense realizar por internet a partir do 8 de xullo ás 10.00 horas.