O XV Ciclocross Concello de Cambre deixará varios cortes de tráfico este sábado na vila
Este sábado, 23 de novembro, Cambre converterase no escenario do XV Ciclocross Concello de Cambre, unha das probas máis destacadas do calendario deportivo da comarca. A competición desenvolverase nas inmediacións do Campo de Fútbol Dani Mallo, e para garantir a seguridade de deportistas e espectadores, estableceranse cortes de tráfico en varias vías da vila entre as 8:00 e as 17:00 horas.
Os cortes afectarán as seguintes zonas: a rúa Poza do Convento, cortada en todas as direccións; a costa de Norgasa, que permanecerá pechada ao tráfico e o tramo da rúa Samosteiro máis próximo ao cemiterio municipal, na zona da rotonda.
Para asistir ao evento, o acceso ao Campo Dani Mallo deberá facerse a pé desde a rúa Samosteiro. Ademais, habilitaranse zonas de estacionamento marcadas en amarelo nos arredores para facilitar a mobilidade dos asistentes.
O Concello de Cambre agradece de antemán a comprensión da veciñanza polas molestias que poidan causar estas medidas e anima a todas as persoas a achegarse para gozar dunha xornada deportiva que promete emoción e espectáculo.