O xornalista Xabier Lama López gaña os XXXII Xogos Florais de María Pita cun poema sobre a melancolía galega
O xornalista coruñés Xabier Lama López foi proclamado gañador dos XXXII Xogos Florais de María Pita, un dos eventos culturais máis emblemáticos da cidade, que tivo lugar na tardede onte no Teatro Colón. Lama foi galardoado pola súa obra ‘Patria Lugrís da melancolía’, un poema que explora a saudade galega e rende tributo á obra do pintor Urbano Lugrís, figura central desta edición, coincidindo co 50º aniversario do seu pasamento.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, entregoulle o premio a Lama nunha cerimonia onde estivo acompañado polo mestre da Real Orde de Cabaleiros de María Pita, José Duarte. Durante o seu discurso, Castro destacou o valor de manter viva a tradición dos Xogos Florais, así como o compromiso do Concello coa promoción da cultura galega. “A Coruña é unha cidade que respecta as súas tradicións e que apoia firmemente as entidades que as promoven. Desde o Goberno de Inés Rey, renovamos cada ano o noso compromiso con estas celebracións culturais”, afirmou Castro.
A gala, presentada pola recoñecida poetisa Yolanda Castaño, recente gañadora do Premio Nacional de Poesía 2023, contou tamén coa actuación da Tuna de Veteranos da Coruña, que engadiu un toque festivo á celebración. Ademais, nesta edición destacou a participación de Ulises Guillermo Río Espinosa, un neno de oito anos que se converteu no gañador máis novo da historia do certame grazas ao seu traballo ‘Abecedario fresco trovadoresco’.
A Real Orde de Cabaleiros de María Pita dedicou esta edición dos Xogos Florais á figura de Urbano Lugrís, célebre pola súa visión onírica e mariñeira de Galicia, que reflicte o espírito do mar e a saudade tan característica da cultura galega. “Esta iniciativa conta con todo o apoio do Concello, que traballa para dotar á cidade dunha axenda cultural rica e variada, cunha perspectiva global que nunca esquece as nosas raíces locais”, concluiu Castro.
A cerimonia dos Xogos Florais de María Pita continúa consolidándose como un espazo de homenaxe á cultura e identidade coruñesa, mantendo viva a poesía e o legado dos grandes artistas galegos.