O ximnasio municipal de Curtis reabre tras ampliar un 22% a superficie da súa sala principal

ACoruñaXa
A instalación volveu estar operativa este luns despois dun investimento de máis de 50.000 euros
CURTIS ampliación ximnasio
11 Nov 2026

O ximnasio municipal de Curtis reabriu as súas portas este luns, 9 de novembro, tras rematar as obras de ampliación das súas instalacións. Os traballos permitiron aumentar un 22% a superficie da sala principal, que agora conta con 188,5 metros cadrados para atender a crecente demanda deste servizo entre a veciñanza.

A actuación supuxo un investimento de 50.362,05 euros, cofinanciado pola Consellería de Presidencia, que achegou 35.000 euros.

O alcalde de Curtis, Javier Caínzos, destacou o aumento de usuarios rexistrado nos últimos tempos e xustificou a intervención pola necesidade de adaptar as instalacións. «Constatamos un incremento da demanda deste servizo municipal de ximnasio e, polo tanto, valoramos que era óptimo ampliar o espazo para acoller este número de usuarios cada vez maior», sinalou. Entre os dous centros deportivos municipais, o de Curtis e o de Teixeiro, xa superan as 400 persoas usuarias.

Para gañar espazo en Curtis, o Concello reorganizou a distribución interior e prescindiu da sala independente de sauna e hidromasaxe. Retirouse o tabique que a separaba da sala principal para ampliar a superficie útil, aínda que se mantivo a cabina de sauna.

Ademais, as obras incluíron melloras na instalación eléctrica, na climatización, na renovación do aire e no sistema contra incendios, co obxectivo de modernizar a infraestrutura.

Obras tamén no ximnasio de Teixeiro

A mellora das instalacións continuará en Teixeiro, onde veñen de comezar os traballos de ampliación do ximnasio municipal. A intervención contempla pechar e cubrir o patio descuberto situado xunto á sala de máquinas, que se integrará no paso interior existente para crear un novo espazo polivalente de 40,58 metros cadrados.

O proxecto inclúe tamén a renovación da instalación eléctrica e da iluminación, así como a incorporación dun sistema de climatización.

Con estas actuacións, o Concello busca adaptar os dous ximnasios municipais ao incremento de usuarios e seguir mellorando os servizos deportivos que ofrece á veciñanza.

0.16965508460999