O Xardín Botánico de Culleredo acollerá o XLVII Concurso-Exposición Ornitolóxica
A Aula de Natureza do Xardín Botánico de O Burgo, en Culleredo, será o escenario do XLVII Concurso-Exposición Ornitolóxica organizado pola Sociedade Coruñesa de Canaricultura. O evento abrirá as súas portas o luns 16 de decembro e prolongarase ata o domingo 22.
A exposición, de entrada gratuíta, permitirá aos visitantes contemplar centos de canarios de diferentes tipos, cores e tamaños. O horario será de 17:30 a 20:30 de luns a venres, de 11:00 a 13:00 e de 17:30 a 21:00 o sábado 21, e de 10:00 a 11:30 o domingo 22 de decembro.
Ese mesmo día, entre as 12:00 e as 14:00, celebrarase a entrega de trofeos aos gañadores do certame ornitolóxico e do XXIII Concurso de Debuxo Infantil, que busca fomentar o respecto ás aves e á natureza entre o alumnado das escolas da comarca.
Os debuxos estarán expostos na Aula de Natureza entre o 18 e o 21 de decembro. As obras serán avaliadas pola súa orixinalidade e temática relacionada coas aves, agrupándose por idades de 5 a 11 anos. Un xurado composto por representantes do Concello de Culleredo, da Deputación da Coruña e da organización decidirá os gañadores.