O Ventorrillo acollerá o 25 de outubro unha carreira de 5,8 quilómetros con tramos de asfalto e terra

ACoruñaXa
A penúltima proba do Coruña Corre desta tempada xa ten aberto o prazo de inscrición, que permanecerá activo ata o 18 de outubro
A CORUÑA corre
10 Oct 2026

O barrio do Ventorrillo será escenario o vindeiro domingo 25 de outubro da penúltima carreira popular desta tempada do circuíto Coruña Corre. A proba, de 5.850 metros, combinará tramos de asfalto e pistas de terra polo propio barrio e pola contorna do núcleo da Silva.

O prazo de inscrición xa está aberto e permanecerá habilitado ata o domingo 18 de outubro, unha semana antes da celebración da carreira. A organización anima á cidadanía a participar nunha xornada deportiva pensada para diferentes idades e niveis.

A carreira absoluta dará comezo ás 10.00 horas no cruzamento das rúas Alcalde Salorio Suárez e Alcalde Jaime Hervada. Desde ese punto, o percorrido atravesará diferentes zonas do Ventorrillo e da contorna da Silva, alternando superficies asfaltadas e camiños de terra.

Carreiras tamén para os máis novos

A xornada deportiva completarase con probas para as categorías inferiores, desde sub-18 ata peques. As diferentes saídas realizaranse de maneira gradual entre as 11.15 e as 12.30 horas, con percorridos adaptados ás idades das nenas e nenos participantes.

A carreira do Ventorrillo será a penúltima cita do calendario deste ano do Coruña Corre. O circuíto entrará así na súa recta final, con dúas probas aínda por disputar. Tras a cita do 25 de outubro, a tempada rematará en novembro coa carreira de Novo Mesoiro.

As persoas participantes poden consultar na web de Coruña Corre toda a información relativa á proba, incluídos os horarios e o lugar de recollida dos dorsais, así como os servizos dispoñibles durante a xornada, entre eles duchas, gardarroupa e avituallamento.

0.16126680374146