O vento e o temporal marítimo poñen en aviso amarelo boa parte de Galicia

ACoruñaXa | FerrolXa
A AEMET advirte de ventos do sur e suroeste de forza 7 no litoral da Coruña e Pontevedra, así como na Mariña lucense, e de refachos que poden acadar os 80 quilómetros por hora en distintas zonas
TEMPORAL VENTO XENÉRICA
16 Nov 2026

O vento e o mal estado do mar manteñen este luns, 16 de novembro, boa parte de Galicia en aviso meteorolóxico amarelo. A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) alerta de fenómenos costeiros no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra e na Mariña lucense, ademais de fortes refachos de vento en diferentes puntos do territorio galego.

No mar espéranse ventos do sur ou suroeste de entre 50 e 61 quilómetros por hora, equivalentes á forza 7 na escala Beaufort. O aviso afecta ás augas costeiras da Coruña e Pontevedra, así como ás da Mariña lucense, onde as condicións adversas están previstas tamén durante a xornada.

En terra, os refachos poden alcanzar os 80 quilómetros por hora. As zonas da provincia da Coruña incluídas nos avisos por vento son o noroeste, o oeste e o suroeste, mentres que tamén se esperan fortes refachos na Mariña lucense, nas Rías Baixas e no interior de Pontevedra.

Ante esta situación, os concellos costeiros están a trasladar recomendacións de precaución á veciñanza. Compre evitar achegarse a diques, rochas e paseos marítimos, así como extremar a atención nas zonas próximas ao litoral e seguir as indicacións das autoridades.

A recomendación é evitar actividades nas áreas máis expostas ao vento e á forza das ondas, asegurar obxectos que poidan caer ou ser desprazados polas rachas e manterse afastado dos puntos máis perigosos da costa. Ante calquera emerxencia, débese chamar ao 112.

0.15062999725342