O venres remata o prazo de participación no III Certame de Literatura LGTBI+ do Atlantic Pride da Coruña

ACoruñaXa
Este venres, 31 de maio, remata o prazo para o envío de propostas para este concurso literario de relato curto sobre diversidade, que o festival organiza en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña
Imaxe do cartel do certame literario do Atlantic Pride
29 Maio 2024

Este venres, 31 de maio, remata o prazo para a recepción de propostas do III Certame de Literatura LGTBI+ do Atlantic Pride, un concurso literario de relato curto sobre diversidade, que o festival organiza en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña.

As obras presentadas -que deberán ser en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBI- optarán a tres premios en metálico (de 600, 300 e 100 euros). O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña e os relatos gañadores anunciaranse durante a celebración do Atlantic Pride do 7 ao 14 de xullo, momento no que terá lugar, tamén, a entrega dos premios.

Este III Certame de Literatura LGTBI+, cuxas bases de participación poden consultarse na páxina web,  pretende visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBI+ por terceiro ano consecutivo.

Neste sentido, o venres 31 de maio de 2024 será o día de peche da recepción de obras. Durante a celebración do festival (do 7 ao 14 de xullo) anunciaranse as obras gañadoras e farase a entrega dos premios. Haberá tres galardóns en metálico (1º premio: 600 euros; 2º premio: 300 euros; 3º premio: 100 euros).

Requisitos de participación

Poderán participar todas as persoas maiores de idade, sempre que as obras sexan en galego, orixinais e inéditas, non publicadas en ningún tipo de formato, nin total nin parcialmente (incluído Internet), non premiadas ou pendentes de decisión en outros concursos, ou á espera de resposta de procesos editoriais. O incumprimento desta primeira base descualifica automaticamente o traballo presentado. Só se admitirá unha obra por persoa. Toda persoa que participe neste certame acepta a cesión da obra para a súa publicación e difusión en outros medios físicos ou dixitais relacionados co Atlantic Pride ou o Club de lectura QUEERuña. Publicarase un libro cos relatos premiados e unha selección do xurado.

A temática é libre, con vinculación á diversidade LGTBI+. O texto presentarase en formato pdf e en documento tamaño DIN A4, cunha extensión máxima de 10 páxinas, con tipografía Times New Roman, tamaño 12, interlineado 1.

Sobre o xurado

O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña. As integrantes do club QUEERuña que compoñen o xurado non poderán participar neste concurso. Unha vez finalizado o prazo de presentación, a organización facilitaralle ao xurado todas as obras presentadas ao concurso, tamén en formato dixital, pero sen ningún dato persoal que permita identificar a súa autoría. O xurado realizará a súa valoración en dúas fases: unha individual e outra grupal, que será nun encontro ordinario do club. No caso de existir disparidade de criterios que non permita dirimir as obras premiadas, optarse por realizar unha votación individual coas puntuacións 10, 7, 5, 3 e 1 puntos e as obras gañadoras serán as que maior puntuación acaden. O xurado levantará acta das valoracións e posteriormente remitiralla á organización do certame. Os criterios de valoración o xurados serán, por unha banda, a calidade literaria e a corrección gramatical, e, por outra, a atención a personaxes e historias infrarrepresentadas dentro do espectro LGTBI+ e a orixinalidade da obra.

 

 

Atlantic Pride -certame literario
0.11313319206238