O venres Arteixo acolle 'Ópera Breaks', un espectáculo que fusiona a ópera e o breakdance
Este venres 8 de novembro ás 18:30 h, o Auditorio CCC Manuel Murguía de Arteixo será o escenario de 'Ópera Breaks', un espectáculo único que combina o poder da ópera coa enerxía do breakdance, o beatbox e o DJ. A proposta, a cargo do colectivo Vella Escola, xorde da colaboración entre a soprano Esperanza Mara e varios artistas urbanos, co obxectivo de derrubar barreiras e fusionar estilos aparentemente opostos.
A función está pensada para todos os públicos a partir dos 3 anos, e as entradas, cun custo de 4 e 3 euros, poden adquirirse tanto en liña como no despacho de billetes do auditorio entre as 11:30 e as 13:30 h, e tamén dúas horas antes do comezo do espectáculo, ata completar aforo.
'Ópera Breaks' promete unha experiencia inmersiva que convida os asistentes a romper cos estereotipos e abrirse a unha nova forma de gozar da música e a danza. Unha cita imperdible para a mocidade de Arteixo e todos aqueles que queiran explorar a creatividade sen límites.