O venres 28 de xuño á 'Frotiña da Liberdade' terá unha parada en Oleiros

ACoruñaXa
O barco diríxese cara Gaza con axuda humanitaria e azos de paz. O seu capitán, Clive Haswell, participará nun coloquio no auditorio da Fábrica
Imaxe do cartel do acto coa Flotilla da Liberdade
27 Xuño 2024

Oleiros será unha das 5 paradas que a Frotiña da Liberdade realizará na península Ibérica na súa travesía ata Gaza, iniciada o pasado 1 de maio en Oslo. Neste sentido, o Goberno municipal recibirá oficialmente á tripulación que comanda o capitán Clive Haswell, que participará nun coloquio no auditorio da Fábrica este venres 28 de xuño, ás 20.00 horas.

Chegan a Oleiros tras parar en Suecia, Dinamarca, Alemaña, Reino Unido, Irlanda, Francia e Santander. Teñen previsto chegar a Gaza en agosto, para entregar a axuda humanitaria que levan no buque. No acto da Fábrica tomarán parte tamén o alcalde, Ángel García Seoane, Xurxo Souto, Cándido Pazó, Isabel Risco e Félix Arias.

As accións levadas a cabo pola Frotiña da Liberdade están encamiñadas a denunciar o ilegal bloqueo israelí ás augas territoriais palestinas. Estas accións son pacíficas, de sociedade civil a sociedade civil, e piden o respecto dos dereitos humanos do pobo palestino.

O respecto aos dereitos humanos de todos e todas, sen distinción de raza, xénero, relixión, etnia, nacionalidade, orientación sexual, cidadanía ou idioma. Esíxese tamén o fin da colonización e limpeza étnica que se está realizando en Palestina.

Pídese que a potencia colonial ocupante acate a legalidade internacional cumprindo coas resolucións das Nacións Unidas e os organismos internacionais que lle obrigan a poñer fin á ocupación -incluída Xerusalén Este-, ao bloqueo, a derrubar o muro de ocupación, a permitir o regreso da poboación refuxiada que expulsou e compensala polos danos e prexuízos. Ademais, a potencia ocupante debe ser xulgada polos crimes cometidos.

CARTEL PALESTINA A3_page-0001
0.18214106559753