O Val de Culleredo quere un rural con máis servizos e oportunidades: 'O Hub Educativo é irrenunciable'

O rural de Culleredo quere deixar de ser o irmán pequeno da zona urbana. Esa é unha das principais reivindicacións da Asociación O Val de Culleredo, unha entidade que naceu da iniciativa dun grupo de veciños e veciñas dispostos a organizarse para defender as necesidades das parroquias do val e reclamar unhas condicións de vida máis igualitarias. A súa aposta vai máis alá de trasladar demandas ás administracións: queren presentar proxectos, buscar alianzas e conseguir que as propostas se traduzan en actuacións reais.
A orixe da asociación está vinculada á mobilización veciñal para salvar a rotonda de Ledoño. Foi nese proceso cando un grupo de residentes detectou que o rural de Culleredo acumulaba carencias fronte a zonas como O Burgo e Vilaboa, tanto en equipamentos como en investimentos e servizos. 'O que nos levou a organizarnos non foi unha queixa illada, senón a acumulación de carencias cotiás', explican desde a entidade, que tamén sinala a ausencia dunha voz organizada que trasladase as necesidades da zona ás institucións. A asociación formalizou a súa inscrición no Rexistro de Asociacións de Galicia en 2025, con sede en Sésamo.
Na actualidade, a entidade reúne veciños e veciñas das parroquias do val, especialmente de Sésamo, Ledoño e da contorna de Rumbo. A directiva está encabezada por Óscar Andrade como presidente e o número de socios continúa medrando. O financiamento procede integramente das cotas dos asociados e das achegas de empresas colaboradoras, unha fórmula que, segundo destacan, reflicte o compromiso da veciñanza e do tecido empresarial.
Un dos trazos que queren diferenciar a súa actividade é a maneira de trasladar as reivindicacións. 'Traballamos con proxectos, non só con reclamacións. Non nos limitamos a trasladar queixas: elaboramos dossiés técnicos, propostas de declaración institucional, propostas de senda fluvial ou un modelo educativo concreto', explican. A súa intención é presentar alternativas detalladas ás administracións, buscar alianzas con outras asociacións e entidades privadas e avanzar cara a un obxectivo común: 'a igualdade de oportunidades entre a zona rural do Val de Culleredo e o urbano'.
Un Hub Educativo para que a mocidade non teña que marchar
Entre todas as iniciativas que teñen enriba da mesa, hai unha que consideran prioritaria e irrenunciable: a creación dun Hub Educativo en Sésamo. A proposta nace da combinación de dous factores: a chegada do British School á zona e a falta dunha oferta pública de proximidade que permita continuar os estudos despois da educación obrigatoria, especialmente no ámbito do bacharelato e da formación profesional.
Desde a asociación consideran que a presenza do novo centro educativo puxo de manifesto un baleiro que debería cubrirse cunha aposta pública. 'O centro trouxo educación de calidade ao rural, pero deixou á vista un baleiro que nós queremos cubrir coa ensinanza pública', apuntan. A súa idea é crear un espazo que articule diferentes etapas educativas e incorpore ciclos de formación profesional vinculados ás necesidades económicas e laborais da contorna.
A localización proposta sería Sésamo, nunha zona próxima ao British School. Segundo defenden, a súa posición xeográfica central no val e as conexións viarias existentes permitirían crear un auténtico campus educativo rural. 'Localizar o Hub próximo ao British School permite crear un verdadeiro campus educativo rural, compartindo servizos e creando un eixo educativo que hoxe non existe en ningún outro punto do val', argumentan.
O complexo estaría pensado para atender non só ao alumnado de Culleredo, senón tamén ao de municipios limítrofes. A proposta inclúe ESO, bacharelato e, especialmente, formación profesional nas familias relacionadas coas oportunidades laborais da comarca. Entre as especialidades que consideran interesantes figuran a loxística e o transporte, as enerxías renovables, a industria agroalimentaria e distintas ramas de mantemento que poidan dar resposta ás necesidades dos polígonos industriais da contorna.
A iniciativa pretende evitar que os mozos e mozas teñan que desprazarse lonxe para continuar a súa formación. 'Hoxe os mozos do val teñen que desprazarse fóra da súa contorna para estudar despois do colexio, con dificultades reais de transporte e, moitas veces, co abandono da formación profesional como consecuencia', advirten. Por iso, consideran que o proxecto podería beneficiar tamén o alumnado das parroquias limítrofes.
A asociación defende que o Hub debe ter unha dimensión metropolitana. A demanda educativa, argumentan, non entende de límites municipais e a súa viabilidade require a colaboración dos concellos implicados e da Xunta de Galicia. 'Culleredo non pode nin debe asumilo só, e ningún concello debería quedarse fóra', sosteñen.
A proposta atópase actualmente nunha fase de impulso e procura de consensos. A asociación xa dispón dun borrador definido e está trasladando o proxecto ás administracións locais para conseguir apoios veciñais e institucionais. Segundo explican, están á espera de manter unha reunión co xefe territorial de Educación. O seguinte paso pasa por conseguir que a Administración educativa asuma a iniciativa e avance na súa planificación. Para que se converta nunha realidade, consideran que 'falta decisión política: que a administración competente inclúa o Hub nos seus plans e se asignen os terreos e o financiamento'.
A importancia do proxecto vai máis alá da oferta académica. Desde a entidade consideran que contar con servizos educativos de proximidade é fundamental para atraer e manter familias no rural. 'Un centro educativo xera familias, actividade económica, transporte e vida. É unha das mellores inversións posible para fixar poboación', defenden.
Seguridade viaria e equipamentos para o día a día
Máis alá do proxecto educativo, a seguridade viaria é unha das preocupacións que máis se repiten entre os veciños. O estado dalgúns viais, a falta de itinerarios peonís e a iluminación insuficiente en determinados puntos figuran entre as cuestións que a entidade considera prioritarias.
' A que máis se repite é a seguridade viaria: o estado dos viais, a falta de sendas peonís e a perigosidade de zonas como a estrada AC-400 ou o vial Autovía-A Trapa', explican. Tamén sinalan a 'nula iluminación na nova rotonda de Ledoño e no seu tramo ata Cerceda'. A asociación reclama condicións máis seguras para os desprazamentos cotiáns, especialmente nunha contorna na que a ausencia de beirarrúas e sendas obriga a compartir espazo cos vehículos.
A estas necesidades súmanse as carencias en equipamentos deportivos. A entidade considera que o rural de Culleredo precisa instalacións propias que permitan practicar deporte sen ter que desprazarse constantemente á zona urbana. Entre as propostas figuran un pavillón, pistas polideportivas exteriores e espazos destinados ao deporte de proximidade.
Segundo explican, 'hoxe as familias teñen que desprazarse á zona urbana para calquera actividade deportiva regulada, e moitos nenos e nenas quedan fóra'. A falta de servizos e equipamentos é, ao seu xuízo, un dos factores que dificulta que as familias novas se instalen no rural ou decidan permanecer nel. Por iso, defenden que investir en educación, deporte e infraestruturas non é só unha cuestión de comodidade, senón tamén unha maneira de garantir o futuro demográfico das parroquias.
O río Valiñas, outro dos proxectos estratéxicos
A defensa do territorio tamén ten unha vertente ambiental. A asociación quere impulsar unha senda fluvial polo río Valiñas, nun trazado que conectaría os Muíños de Rexidoiro, en O Casal, coa zona de Rumbo.
A intención é crear un corredor peonil e naturalizado que permita recuperar e poñer en valor o patrimonio dos muíños, conectar diferentes núcleos de poboación e achegar a veciñanza ao río. 'Queremos un corredor peonil e naturalizado que poña en valor o patrimonio dos muíños e conecte os nosos pobos sen urbanizar a veiga do río', explican.
A iniciativa forma parte dunha liña de traballo máis ampla relacionada coa conservación das ribeiras, a mellora dos paseos fluviais e a solución dos problemas de augas e vertidos no rural. Desde a asociación insisten en que o medio ambiente é unha liña propia de actuación: 'O val é o noso nome e o noso hábitat: defendemos o río Valiñas, os seus paseos fluviais, a naturalización das ribeiras e a solución dos problemas de vertidos e augas no rural'.
A súa visión ambiental está ligada directamente á vida diaria das parroquias. 'Non se trata de ecoloxía xenérica, senón de mellorar a calidade de vida concreta dos veciños a través do seu entorno', puntualizan.
Nesa mesma liña sitúanse outras propostas, como o soterramento progresivo das canalizacións eléctricas e de telecomunicacións cando se executen obras no municipio. Tamén impulsaron actividades familiares, como Rumbo Atrapa, que tiveron que aprazar ata garantir as condicións de seguridade viaria necesarias.
Un primeiro balance positivo e máis obxectivos por diante
A pesar do pouco tempo de actividade, desde O Val de Culleredo fan un balance positivo desta primeira etapa. Destacan a resposta veciñal, a consulta realizada sobre o vial do British School e os contactos mantidos con diferentes administracións para trasladar as súas propostas.
Entre os encontros institucionais mencionan as conversas co subdelegado do Goberno arredor do proxecto de 'Rural Seguro' e coa dirección da Axencia Galega de Infraestruturas para abordar cuestións como a rotonda de Ledoño, a súa iluminación e as melloras na rede viaria. Tamén iniciaron contactos coa Consellería de Educación para abrir o debate sobre o Hub Educativo.
A entidade considera que o principal obstáculo para avanzar non é a falta de propostas, senón a necesidade de decisións políticas e compromisos concretos. 'Queremos pasar do escoito aos compromisos, que é o que falta', aseguran ao referirse á relación cos concellos implicados.
Dentro de cinco anos, gustaríalles ver o Hub Educativo de Sésamo en fase de proxecto, a senda do Valiñas comezando a executarse e o rural de Culleredo dotado de novos equipamentos deportivos. Pero, por riba de todo, aspiran a que ningún veciño teña que abandonar a súa parroquia por non dispoñer de oportunidades para estudar, practicar deporte ou acceder aos servizos básicos.
A asociación destaca, ademais, que conseguiu poñer en marcha a súa actividade sen recorrer ás axudas públicas destinadas ao asociacionismo, sosténdose coas cotas dos socios e as achegas empresariais. A súa mensaxe ás administracións é clara: 'O que necesitamos non é diñeiro veciñal que tamén é ben recibido, senón compromiso institucional'. E engaden que seguen á disposición de calquera administración que queira sentarse a traballar polo val.