O turismo de congresos busca gañar peso na provincia da Coruña para reducir a estacionalidade

O turismo de congresos e reunións quere consolidarse como unha vía para atraer actividade durante todo o ano e repartir os beneficios do sector turístico polo conxunto da provincia da Coruña. Esa foi unha das principais ideas defendidas polo vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, durante a IV Noite de Embaixadores A Coruña MICE, celebrada este mércores.
O encontro, organizado pola A Coruña Convention Bureau, reuniu representantes das administracións, do sector turístico e empresarial e de entidades vinculadas á organización de eventos profesionais. Durante a xornada tamén se entregou o Premio Embaixador A Coruña MICE, nun acto no que participaron, entre outros, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.
Regueira destacou a evolución da Coruña como destino para congresos, reunións e eventos profesionais e puxo en valor o traballo desenvolvido pola A Coruña Convention Bureau para profesionalizar a captación de citas e promocionar o destino tanto no mercado nacional como no internacional.
Un dos eixos da súa intervención foi a necesidade de que o turismo MICE non quede concentrado na cidade da Coruña. O vicepresidente provincial defendeu conectar a celebración de congresos e eventos coa oferta turística dos diferentes territorios da provincia para ampliar o impacto económico desta actividade.
Neste sentido, sinalou a colaboración entre administracións e empresas como un elemento necesario para seguir desenvolvendo este segmento turístico. A Deputación conta con diferentes liñas de apoio destinadas á mellora da calidade e competitividade turística, así como con axudas para entidades de xestión, asociacións e organizacións vinculadas á promoción turística e ao turismo MICE.
Entre os atractivos que poden favorecer a captación de eventos na provincia, Regueira mencionou as infraestruturas dispoñibles, o ecosistema de coñecemento e innovación, a oferta hoteleira e elementos como a cultura, a gastronomía e a paisaxe.
A proposta pasa tamén por avanzar cara a un modelo de turismo de congresos que combine actividade económica e sustentabilidade. O vicepresidente provincial apostou por un crecemento ordenado, pola desestacionalización e por unha maior distribución territorial da actividade, ao tempo que defendeu que este desenvolvemento sexa compatible co benestar da poboación residente.
A conectividade aparece como outro dos retos para reforzar este tipo de turismo. Regueira situou especialmente o foco nas conexións aéreas e ferroviarias e na necesidade de facilitar os desprazamentos dos profesionais que participan nos eventos. Tamén apostou por ampliar a presenza internacional do destino, diversificar mercados e continuar mellorando a profesionalización de toda a cadea de valor asociada ao turismo de congresos.
Durante o acto, o vicepresidente provincial defendeu así a capacidade da Coruña e do resto da provincia para acoller eventos de carácter nacional e internacional e apostou por manter a coordinación entre a Deputación, a A Coruña Convention Bureau, a Axencia de Turismo de Galicia, o Concello da Coruña e o sector privado.
O obxectivo, segundo expuxo Regueira, é que o turismo MICE se converta nunha fonte de actividade económica, emprego e retorno turístico que beneficie non só á cidade da Coruña, senón tamén ao conxunto do territorio provincial.