O TSXG libera ao Concello da Coruña de compensar a vítima de accidente na vía pública
A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) eximiu ao Concello da Coruña de indemnizar a unha veciña da cidade polos danos derivados dunha caída na rúa San Andrés o 15 de maio de 2018 sobre as 13 horas, á altura do número 95, ao non acreditarse que se debese ao estado da beirarrúa. Desta forma, rexeitou o recurso de apelación interposto pola viandante contra a sentenza ditada en primeira instancia polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 da Coruña.
A Sala considera probado que a veciña da Coruña, que tiña 62 anos, caeu na vía pública, tras o cal foi trasladada en ambulancia ao hospital Modelo, onde foi operada por unha fractura de peroné e atendida por unha tendinite no brazo. Os maxistrados eximen de responsabilidade á Administración municipal porque consideran que non se acreditou a razón pola que caeu a recorrente, pois destacan que “era de día e con perfecta visibilidade”, así como que o estrago na beirarrúa era “visible e evitable”.
Desta forma, comparten a valoración da proba realizada na resolución de primeira instancia, que detalla que as dúas testemuñas que declararon no xulgado sinalaron que a beirarrúa tiña danos, pero que eran visibles. “Así mesmo, como refire a sentenza apelada, o estado da beirarrúa, cunha baldosa gretada, era visible e, o máis importante, evitable, dado o ancho da beirarrúa”, explica o TSXG, á vez que lembra que “corresponde a todo viandante estar atento ás circunstancias da deambulación, adaptadas ás circunstancias de tempo e lugar”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.