O TSXG anula os acordos sobre as baixas no convenio da hostalaría da Coruña tras unha demanda da CIG

GaliciaXa | ACoruñaXa
A sentenza declara nulas as modificacións pactadas pola patronal, UGT e CCOO que limitaban o cobro do complemento do 100% do salario nos tres primeiros días de determinadas incapacidades temporais
A CORUÑA xenérica cidade vella
24 Jul 2026

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou integramente a demanda presentada pola CIG contra os acordos da Comisión Paritaria do convenio provincial de hostalaría da Coruña que, segundo o sindicato, restrinxían o dereito a percibir o complemento do 100% do salario durante os tres primeiros días de determinadas situacións de incapacidade temporal.

Os acordos impugnados foron asinados o 6 de marzo e o 13 de novembro de 2025 pola patronal provincial de hostalaría, UGT e CCOO. Segundo sostén a CIG, introducían unha modificación do convenio colectivo ao eliminar o complemento económico que deben aboar as empresas durante os tres primeiros días de baixa cando esta non fose a primeira do ano, incluídas as situacións de recaída.

O sindicato subliña que o convenio provincial unicamente exclúe o dereito a este complemento nos tres primeiros días cando a segunda e sucesivas baixas teñen unha duración inferior a once días.

A CIG-Servizos critica que estes acordos foron “adoptadas ás agachadas”, sen informar ao sector, e considera que a Comisión Paritaria excedeu as súas competencias, xa que, ao seu xuízo, non pode modificar o contido normativo do convenio colectivo, un criterio que, segundo indica, recolle a sentenza do TSXG.

Ante esta situación, a organización sindical presentou un conflito colectivo solicitando a nulidade dos acordos “para que non se recortaran os dereitos do convenio pola porta de atrás”.

A resolución da Sala do Social estima a demanda da CIG, declara nulos ambos os acordos e impide que as empresas poidan aplicalos para deixar de aboar os tres primeiros días das segundas e sucesivas baixas, sexan ou non recaídas. Ademais, condena ás partes demandadas a cumprir o establecido na sentenza.

Segundo destaca a CIG-Servizos, o efecto práctico da resolución é que as persoas traballadoras recuperan o dereito a percibir o 100% do salario durante eses tres primeiros días de baixa, un período no que a Seguridade Social non aboa prestación económica.

0.12211489677429