O Touliña Pop recupera os concertos de rúa tras reforzar a cobertura dos escenarios

ACoruñaXa
O Concello de Sada traballa na instalación de dúas estruturas para protexer artistas e equipos de son, polo que volven á programación as actuacións do Porto e da praia
SADA touliña pop
6 May 2026

O Touliña Pop Festival Sada 2026 cambia de novo o seu guión e recupera os concertos de rúa previstos para este sábado 9 de maio. Despois de anunciar a súa cancelación pola previsión de choiva, a organización confirmou que retoma esa parte da programación ao mellorar lixeiramente as previsións meteorolóxicas e ao contar cunha solución técnica para protexer os escenarios.

O Concello de Sada traballa desde esta mañá na contratación de dúas estruturas cubertas para os espazos ao aire libre. O obxectivo é garantir que tanto os equipos de son como os artistas permanezan secos e seguros antes, durante e despois das actuacións.

Deste xeito, volven ao programa a sesión vermú das 13.30 horas no Porto de Sada con Bee Dee Kay Drives The UFOzzz e os concertos da tarde na contorna da praia con The Fuzillis e Brad Marino, previstos inicialmente para as 18.00 e as 19.00 horas.

A organización sinala que as tres bandas contratadas manteñen a súa vontade de actuar en Sada malia a inestabilidade do tempo. Por iso, e ante unhas previsións algo máis favorables que nas xornadas anteriores, o festival aposta por recuperar a programación de rúa.

Desde o Concello recomendan ao público acudir con roupa de abrigo e paraugas de man, xa que o tempo primaveral pode cambiar ao longo da xornada. A programación nocturna na praza Irmáns Suárez Picallo tamén se mantén, con The Jackets, The Lords of Altamont e Nashville Pussy, ademais da música entre bandas a cargo de Suzie Staysick & Phil Speto e o guateque final a partir das 2.00 horas.

0.1203761100769