O Teresa Herrera celebra o 120 aniversario do Deportivo cun duelo histórico ante o Real Madrid

GaliciaXa | ACoruñaXa
O Concello da Coruña activa un dispositivo especial de mobilidade para compatibilizar o torneo coa eclipse total de Sol do 12 de agosto
A CORUÑA presentacion teresa herrera
31 Jul 2026

A Coruña prepara unha das edicións máis especiais do Trofeo Teresa Herrera coincidindo co 120 aniversario do Real Club Deportivo, o regreso do conxunto branquiazul á Primeira División e a celebración da eclipse total de Sol do vindeiro 12 de agosto.

A alcaldesa, Inés Rey, presentou este venres a edición de 2026 do torneo acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez; o conselleiro do Deportivo, Carlos Ballesta; e o presidente da AFAC, Juan Carlos Vázquez Veras. Durante o acto destacou que o Teresa Herrera "forma parte da identidade da Coruña" e reafirmou a aposta municipal por un torneo que, segundo sinalou, segue sendo unha referencia deportiva e patrimonial da cidade.

O principal atractivo será o encontro entre o Deportivo e o Real Madrid, os dous clubs con máis títulos do Teresa Herrera, nun partido que adquire un carácter especialmente simbólico polo aniversario da entidade coruñesa. As entradas xa están á venda tanto para persoas abonadas como para o público en xeral.

Ademais, durante a semana do torneo, o Museo do Dépor acollerá unha exposición temporal dedicada á historia do Teresa Herrera, cun percorrido polos case oitenta anos deste campionato.

A edición deste ano contará tamén cunha importante proxección internacional grazas á participación do Futebol Clube do Porto e á retransmisión dos encontros por Televisión Española e pola Televisión de Galicia.

Dispositivo especial pola eclipse

O Concello leva meses preparando un operativo específico para facer compatible a celebración da eclipse total de Sol e a disputa do Trofeo Teresa Herrera, dous acontecementos que se desenvolverán o 12 de agosto e que atraerán miles de persoas á cidade.

Para facilitar os desprazamentos, habilitarase un dispositivo especial de transporte público que comezará a funcionar ás 16.30 horas, cun servizo lanzadeira cada dez minutos entre os aparcadoiros disuasorios e a praza de Pontevedra.

O percorrido partirá do Campus da Zapateira e realizará paradas nos campus universitarios, Espazo Coruña, o aparcadoiro do Birloque e Lonzas, facilitando o acceso ao estadio de Riazor. Ao remate do partido, o servizo realizará o itinerario inverso para favorecer o regreso das persoas asistentes.

O Concello recomenda planificar os desprazamentos con antelación e utilizar preferentemente o transporte público durante esa xornada.

Teresa Herrera feminino e Mini Teresa Herrera

A programación continuará o día seguinte coa disputa do Teresa Herrera feminino, no que o Deportivo se enfrontará ao Futebol Clube do Porto. Ademais, cada entrada adquirida para este encontro permitirá visitar gratuitamente o Museo do Dépor ata o 30 de setembro.

Durante a presentación tamén se destacou o papel do Mini Teresa Herrera, organizado pola AFAC, como unha cita destinada a fomentar o deporte base e transmitir ás novas xeracións os valores do fútbol.

0.12284398078918