O Temple celebra o Nadal co ‘Belén dos Veciños’, unha montaxe colaborativa aberta ao público

O Temple vive xa o ambiente do Nadal cunha proposta moi especial: o ‘Belén dos Veciños’. Trátase dun nacemento elaborado de maneira colaborativa pola veciñanza da parroquia, que se poderá visitar na Sala Variable do Local Municipal do Rexistro do Temple ao longo das festas.
A iniciativa quere implicar a nenos, nenas e persoas de todas as idades, convidadas a achegarse para compartir a maxia destas datas e coñecer unha montaxe feita con grande dedicación. O belén, inspirado en figuras de xoguete e nun deseño moi visual, nace como símbolo do espírito comunitario que caracteriza ao Temple.
O proxecto ten como artífice creador a Orlando Regos Varela e conta coa colaboración de J. Carlos Núñez Domínguez, ademais do respaldo da Asociación de Veciños do Temple e do Concello de Cambre.
O nacemento abrirá as súas portas o sábado 13 ás 12.00 horas, nun acto de inauguración pensado para as familias. A mostra manterase aberta ata o 7 de xaneiro en dúas etapas, con diferentes horarios de mañá e tarde que permiten adaptar a visita ás rutinas da veciñanza.
Desde o Concello salientan que o ‘Belén dos Veciños’ se consolida como unha das citas máis entrañables do Nadal no municipio, ao combinar participación cidadá, creatividade e convivencia arredor dun símbolo moi ligado á tradición destas datas.