O Teatro Rosalía de Castro acollerá unha nova edición do Ciclo Principal de Outono

ACoruñaXa
Vicky Luengo, Albert Pla, Irene Arcos e Pedro Casablanc, entre as figuras que protagonizarán a nova tempada do ciclo teatral
Imaxe da presentación do Ciclo Principal de Outono na Coruña
Imaxe da presentación do Ciclo Principal de Outono na Coruña
9 Xul 2024

O Teatro Rosalía de Castro acollerá un ano máis o Ciclo Principal de Outono, unha iniciativa na que o Concello se implica co obxectivo de ofertar “unha programación escénica e artística de moi alto nivel, reforzando a posición da Coruña como a cidade de referencia cultural a escala galega”, apuntou esta mañá o concelleiro Gonzalo Castro.

A programación do ciclo inclúe un total de 13 espectáculos, que terán lugar entre os meses de setembro e decembro, coa participación de compañías galegas, nacionais e tamén internacionais.

'Tan sólo el fin del mundo', unha produción de Teatro Kamikaze e Teatro Español, dirixida por Israel Elejalde, abrirá o calendario do Ciclo Principal de Outono os días 13 e 14 de setembro. Irene Arcos, recoñecida polo seu traballo nas series 'Élite' ou 'El embarcadero', é unha das actrices que protagoniza a peza, acompañada por María Pujalte e Eneko Sagardoy, entre outros.

Xa os días 27 e 28 de setembro, todo un todoterreo como Pedro Casablanc estará á fronte de Don Ramón María del Valle Inclán, produción do Teatro Español e Bravo Teatro, dirixida por Xavier Albertí.

O ciclo continuará en outubro coas 'Bodas de sangre' de Federico García Lorca, protagonizadas por Irene Alquézar, Minerva Arbués e Jacobo Castanera. A produción, de Teatro del Temple, chegará ao Teatro Rosalía de Castro entre os días 5 e 6. Xa o mesmo mes de outubro, os días 18 e 19, e novamente con Xavier Albertí como director, Rubén de Eguía será a figura principal de 'En mitad de tanto fuego', unha produción de Grec Festival de Barcelona e Miramedia. A programación do mes rematará con Sarabela Teatro. Sobre as táboas, Fernando González, Fernando Dacosta e Sabela Gago para interpretar 'O dragón de ouro', baixo a dirección de Ánxeles Cuña Bóveda.

Novembro arrancará con 'Me llamo Suleimán', unha produción de Unahoramenos en coprodución co Concello de Agüimes, que aborda o drama migratorio das personas que cruzan o continente africano en dirección a Europa. Marta Viera protagoniza a peza, dirixida por Mario Vega e que terá lugar os días 8 e 9.

O selo galego volverá estar presente no Teatro Rosalía de Castro o xoves 14 de novembro, co 'Terceiro acto' producido polo Centro Dramático Galego, unha peza protagonizada por Belén Constenla, Roberto Leal e Mabel Rivera, entre outros, e dirixida por Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez.

Esa mesma semana, e concretamente o venres 15 de novembro, collerá o testemuño 'El testamento', unha coprodución de Zum Zum Teatro e Fira Mediterrànea de Manresa, que protagoniza Ramon Molins.

Xa o día 23, a Jo Strømgren Kompani, compañía de danza independente con raíces en Noruega, interpretará 'The Ministry of Unresolved Things', unha mestura de humor absurdo e solemnidade ideada inicialmente para adolescentes e adultos máis novos, mais que foi aclamada polo seu éxito entre persoas de todas as idades. O texto da peza é en inglés, mais habilitarase tradución simultánea a través de locución sonora.

O mes de novembro pecharase cunha figura xa consagrada na escea interpretativa do país. A actriz mallorquina Vicky Luengo protagoniza 'Prima Facie', dirixida por Juan Carlos Fisher, e na que Luengo, galardoada co Premio Princesa de Girona 2024 de las Artes, se pon na pel dunha brillante avogada á que un acontecemento inesperado obriga a enfrontarse ás liñas que separan o poder patriarcal da lei, a carga da proba e a moral. 'Prima Facie' chegará ao Teatro Rosalía de Castro os días 29 e 30 de novembro.

Decembro, último mes do Ciclo Principal de Outono, arrancará con Evaristo Calvo, María Roja e Santi Romay en Entrega en man, co galego Cándido Pazó á fronte da dirección. Será os días 13 e 14, abrindo camiño á peza 'Yerma', unha produción de La Dramática Errante inspirada nunha obra teatral popular escrita por Federico García Lorca, que desenvolve unha traxedia de ambiente rural. María Goiricelaya foi a encargada de adaptar a obra, con protagonismo para Ane Pikaza e Aitor Borobia, entre outros.

O peche do Ciclo Principal de Outono contará cun protagonista moi especial. Polifacético, transgresor e sempre sorprendente, o artista catalán Albert Pla subirá ás táboas do Teatro Rosalía de Castro o sábado 28 de decembro co seu concerto '¿Os acordáis?', no que interpretará cancións que remiten a historias tráxicas e delirantes, tamén delicadas e surrealistas.

Paulo Rodríguez apuntou, na súa intervención de hoxe, no obxectivo de “crear un relato a través da programación” deste ano, “que inclúe traballos de moita calidade artística e interpretativa”, con actores como Raúl Prieto, gañador do galardón a Mellor Actor de Reparto de Teatro de Texto nos Premios Talía 2024, polo seu traballo en Tan sólo el fin del mundo, e tamén Vicky Luengo, que obtivo o galardón a Mellor Actriz Protagonista de Teatro de Texto, por Prima Facie.

O luns 15 de xullo abre o prazo de renovación para as persoas abonadas

O director do Teatro Rosalía de Castro, Paulo Rodríguez, lembrou esta mañá que entre os días 15 de xullo e 30 de agosto estará aberto o prazo de renovación de abonos, exclusivo, precisamente, para as persoas que xa estaban abonadas. A solicitude de renovación poderá formalizarse no despacho de billetes do IMCE na praza de Ourense.

Xa a posteriori, os días 3 e 4 de setembro, abrirase o prazo para novas e novos abonados. Será xa o día 6 de setembro cando se habilitará a venda de entradas soltas. Como cada ano, aplicaranse os descontos habituais.

0.18129897117615