O teatro galego analiza en Mariñán os seus últimos 25 anos de creación

O Pazo de Mariñán, en Bergondo, acolle este venres e sábado as IV Xornadas da Academia Galega de Teatro, que nesta edición se celebran baixo o título '2000-2025: sumando primaveras'. O encontro reúne profesionais das artes escénicas para analizar a evolución do teatro galego nos últimos 25 anos e reflexionar sobre os desafíos que afronta o sector.
A deputada de Cultura, Natividade González, participou no acto inaugural xunto ao presidente da Academia Galega de Teatro, Miguel Pernas, e o director da Agadic, Jacobo Sutil. Durante a súa intervención, reivindicou estas xornadas como un espazo consolidado de encontro, pensamento e análise arredor das artes escénicas galegas.
González destacou o carácter simbólico desta edición, centrada no primeiro cuarto de século do teatro galego no século XXI. Segundo sinalou, a efeméride permite mirar atrás 'con orgullo', pero tamén afrontar o futuro con responsabilidade, ambición e diálogo co sector cultural.
A representante provincial puxo en valor a capacidade de resistencia e transformación do teatro galego, que nas últimas décadas foi quen de adaptarse a cambios profundos e superar crises sen renunciar á creación de espazos de emoción, pensamento crítico e identidade compartida.
As xornadas continuarán este sábado coa participación de profesionais como Manuel Xestoso, Roberto Pascual, Inma López Silva, Ánxeles Cuña, Cándido Pazó, Tito Asorey, Marta Alonso Tejada, Miguel Gendre, Constance Hurlé, Xesús Ron, Daniel G. Salgado, Xavier Castiñeira ou Carlos Lorenzo, entre outros. O programa abordará cuestións como a creación, os públicos, a profesionalización, a sustentabilidade do sistema cultural e os novos xeitos de facer e vivir a cultura.