O Teatro Colón e a Filmoteca de Galicia acollen a cuarta edición de Norte Cinema Diverso

ACoruñaXa
O festival de cinema LGTBIQ+ celebrarase do 24 ao 27 de novembro cunha programación de 16 producións, cinco delas galegas
A CORUÑA cinema diverso 2027
23 Nov 2026

O festival de cinema LGTBIQ+ Norte Cinema Diverso celebrará a súa cuarta edición na Coruña do 24 ao 27 de novembro, cunha programación que reunirá 16 producións, entre elas cinco galegas. As proxeccións terán lugar no Teatro Colón e na Filmoteca de Galicia, con propostas que abordarán cuestións relacionadas coa diversidade afectivo-sexual, a identidade de xénero, a memoria, os dereitos civís e a inclusión social.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou este luns na presentación do certame, acompañado polo director do festival, Fernando Cayazzo; o produtor Renatto Mendoza; a directora e actriz Saamira Ganay; a actriz Berta Ojea; Jennifer Ruibal, integrante da organización e membro de CASCO; e Jaime Peña, representante da Filmoteca de Galicia.

A programación estará formada por catro longametraxes e 12 curtametraxes. Durante a presentación, Castro destacou o papel do festival como espazo de encontro e reflexión colectiva, e sinalou que o Teatro Colón volve abrir as súas portas a un proxecto que permite achegarse a outras realidades a través do cinema.

A Filmoteca de Galicia incorpórase ao festival

Unha das novidades desta edición será a colaboración, por primeira vez, da Filmoteca de Galicia. O centro acollerá o martes 24 de novembro a sesión 'Off Galicia. Curtas galegas Norte Cinema Diverso', que recuperará para a pantalla grande algunhas das producións galegas exhibidas durante as tres primeiras edicións do certame.

A apertura oficial terá lugar o mércores 25 de novembro cunha sesión dedicada a directoras galegas. O programa incluirá as curtametraxes 'Bolboreta', de Lucinda Rey Escribano; 'Corre', de Saamira Ganay; e 'Delincuente', de Alba Domínguez Serén, ademais da longametraxe 'As liñas descontinuas', de Anxos Fazáns.

Saúde sexual, exclusión e identidades

O xoves 26 celebraranse dúas sesións temáticas. A primeira, baixo o título 'Camiños de pedra', incluirá o documental 'Chemsex, un viaje al interior', centrado na saúde sexual e o benestar.

Posteriormente, «Identidades nas marxes» abordará cuestións como a exclusión social, os dereitos das persoas trans e as dificultades de acceso á vivenda.

Desde o Concello da Coruña reivindicaron o festival como unha iniciativa que contribúe a construír unha cultura máis aberta e plural, e defenderon a diversidade como un valor que debe ter presenza nos espazos culturais da cidade.

Encontro co público e gala de clausura

A programación concluirá o venres 27 de novembro cun encontro entre o público e os participantes do festival, a sesión de curtametraxes 'Traxectos' e unha actuación acústica do grupo Zavala.

A gala de clausura incluirá a entrega do premio Trini Falcés á mellor curtametraxe. O certame finalizará coa proxección de 'Iván & Hadoum', longametraxe dirixida por Ian de la Rosa.

0.10645699501038