O teatro afeccionado toma impulso cun certame que reúne 25 propostas en Arteixo

ACoruñaXa
Os Premios amArte 2026 seleccionarán cinco compañías finalistas e repartirán 3.000 euros nunha programación que chegará ao Auditorio Manuel Murguía entre maio e xuño
ARTEIXO premios amarte
14 May 2026

O II Certame de Teatro Amador Premios amArte 2026 consolídase como unha das citas destacadas para as compañías afeccionadas tras pechar o prazo de inscrición con 25 solicitudes, das que 24 foron admitidas a trámite segundo as bases reguladoras. A resposta das agrupacións confirma o interese por unha convocatoria que busca dar visibilidade ao teatro amador e achegar ao público propostas escénicas de diferentes estilos, cunha mobilización de máis de 150 actores e actrices entre todas as compañías participantes.

A procedencia das solicitudes debuxa un mapa diverso, cunha ampla representación da provincia da Coruña, con grupos chegados de Narón, Carral, Arteixo, Outes ou Santiago de Compostela, ademais de compañías de Lugo, Pontevedra e Vigo. O certame tamén traspasa as fronteiras galegas con propostas procedentes de Madrid, Segovia, Murcia e Lleida. En total, repartirá 3.000 euros en premios: cada unha das cinco compañías seleccionadas recibirá 400 euros pola súa participación e optará a dous recoñecementos especiais de 500 euros cada un, o premio do público e o premio do xurado.

As obras finalistas representaranse entre maio e xuño no Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo Manuel Murguía, onde a veciñanza poderá gozar do teatro afeccionado e participar na elección do espectáculo gañador. A primeira función será este venres 15 de maio ás 20.30 horas con 'Retablo do esperpento', de Noitebras Teatro, unha adaptación de Ramón del Valle-Inclán dirixida por Xurxo Feral e recomendada para público adulto a partir de 14 anos. A obra, de 60 minutos de duración, conta no elenco con Patricia Elola, Alicia Garrido, Cecilia Rimbaud, Ana Montoto e Xurxo Feral, e presenta unha historia de meigas, ambición e liberdade arredor dunha moza que se rebela contra o destino que lle queren impor.

A segunda cita será o sábado 16 de maio ás 20.30 horas con 'Dona Clara', do Colectivo Cultural Ollomao, procedente de Barreiros. A montaxe, recomendada para maiores de 16 anos, ten unha duración de 100 minutos e está dirixida por Ramón Casas. A peza conta o regreso dunha muller millonaria ao pobo do que tivo que marchar décadas atrás, desprezada por ser nai solteira, e o seu reencontro con Elías, o home que a abandonou hai 40 anos. As dúas funcións serán no Auditorio Manuel Murguía con entrada libre ata completar capacidade.

0.081600904464722