O teatro afeccionado despide o certame amArte cun drama histórico e unha gala con humor

O certame de teatro afeccionado amArte 2026 encara a súa recta final esta fin de semana en Arteixo con dúas citas no Auditorio CCC Manuel Murguía. A programación pechará a fase de concurso este venres, 5 de xuño, coa representación de 'El Legado', da compañía El Telón Negro, de Segovia, e culminará o sábado 6 coa gala de entrega de premios.
A función do venres comezará ás 20.30 horas e terá entrada libre ata completar capacidade. A obra, recomendada para público adulto a partir de 16 anos, ten unha duración aproximada de 80 minutos.
'El Legado' conta a historia de Carmen, unha muller emigrante española que reconstrúe a súa memoria desde o presente cara ao pasado arredor da desaparición da súa filla e da súa neta durante a ditadura arxentina. Inspirada en feitos e testemuños reais, a peza aborda a loita das mulleres por recuperar a identidade dos seus netos e netas, nun relato vencellado á memoria das Avoas e Nais de Praza de Maio.
A montaxe chega ademais a Arteixo avalada polo seu paso polo IV Certame de Foz, onde recibiu os premios á mellor obra, mellor dirección e mellor actriz.
O sábado 6 de xuño, tamén ás 20.30 horas, celebrarase a Gala de Entrega de Premios amArte 2026. A cita contará cunha actuación especial fóra de concurso da AC Faíscas de Arteixo, que porá en escena 'Unha rosca, un fiambre e un cancán'.
Esta comedia, interpretada integramente por mulleres, sitúa a acción nun pazo no que criadas e peculiares veciñas da vila se verán envoltas nun asasinato por resolver. Coa axuda da Garda Civil da zona, e malia os atrancos da xente da casa e da contorna, tratarán de descubrir quen é o asasino e tamén quen foi a vítima.
Tras a representación daranse a coñecer os premios desta edición, tanto os outorgados polo público como os concedidos polo xurado. O certame pechará así unha nova edición dedicada ao teatro afeccionado, cunha fin de semana que combinará memoria, emoción, comedia e recoñecemento ao traballo das compañías participantes.