O talento lucense destaca na sétima edición do festival Intersección na Coruña
Comezou a súa sétima edición da Intersección- Festival Internacional de Cine con récord de asistentes, destacando a sección Galicia na que o talento lucense brilla a través de artistas como Xacio Baño ou Sabela Eiriz. O director lucense Xacio Baño presentou a súa curta “Platónico, Platónica” na Sección Galicia do Festival, celebrado nos Cines Cantóns de A Coruña. A obra, que combina humor e inventiva, aborda a semiótica da imaxe e reflexiona sobre a natureza do amor nun futuro dominado pola intelixencia artificial.
Sabela Eiriz presenta a súa obra “A fotografía velada é espazo para unha proposta de memoria” na Sección Galicia - Exposición, que estará aberta ao público na Fundación Luis Seoane data o mes de novembro. A obra explora a relación entre a memoria e a fotografía, cuestionando a capacidade desta última para preservar recordos a través de imaxes veladas e abstractas. A Sección Galicia é un escaparate para as obras máis rompedoras e atrevidas da escena audiovisual galega. Esta sección ofrece unha oportunidade única para que os artistas galegos mostren a súa creatividade e innoven na narración de historias.
Unha das claves que distingue Intersección é a súa aposta pola fusión das artes, permitindo que as obras se presenten en formatos expositivos e monocanais. Este enfoque plural enriquece a cobertura dos artistas, proporcionando diversas maneiras de afrontar a realidade a través da creación audiovisual. Xiana do Teixeiro participará en Intersección Lab, un laboratorio para proxectos audiovisuais en desenvolvemento que terá lugar o 26 de outubro, a partir das 11:00. Xiana presentará o seu proxecto “Lección de botánica”, no que dúas mulleres, nai e filla, buscan relacións íntimas entre seres humanos e plantas, reflexionando sobre os encontros entre a arte e a ciencia no contexto da actual crise de biodiversidade. O Festival Intersección serve como plataforma para o talento, poñendo en valor a capacidade creativa destes artistas e a súa aposta por novos xeitos de narrar a realidade contemporánea.