O Supremo obriga a revisar o recurso municipal de Oleiros contra a planta de residuos do peirao de Oza

O Tribunal Supremo vén de pechar unha nova fase no conflito arredor da planta de tratamento de aceites e hidrocarburos situada no peirao de Oza ao inadmitir o recurso de casación presentado pola Xunta de Galicia contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A resolución confirma que o Concello de Oleiros si está lexitimado para impugnar a autorización outorgada á instalación.
A decisión xudicial abre agora a porta a que a Consellería de Medio Ambiente teña que resolver o recurso formulado polo Concello, que fora rexeitado nun primeiro momento, e facelo entrando xa no contido das alegacións presentadas pola administración local. Ademais, a Xunta deberá asumir as custas do proceso.
No recurso, o Concello sostén que a autorización ambiental integrada concedida a LIMPOIL debe ser anulada por considerala contraria a dereito. Entre os argumentos expostos figura a localización da planta, situada nunha contorna que considera especialmente sensible, en plena ría e preto de praias e espazos de interese ambiental e pesqueiro.
A administración local tamén cuestiona a avaliación ambiental realizada, ao entender que foi insuficiente e que careceu dos informes necesarios. Xunto a isto, apunta á falta de protocolos de seguridade, de medidas preventivas e dun sistema adecuado para a xestión das augas residuais, así como á escasa profundidade da análise sobre os efectos ambientais e socioeconómicos do proxecto.
O conflito arredor desta actividade non é novo. Segundo lembra o Concello, a mesma empresa xa fora denunciada no ano 2002 por uns feitos relacionados coa recollida de vertidos nas augas do porto, que posteriormente serían descargados nunha nave situada en Icaria a través da rede municipal de sumidoiros.
Desde Oleiros insístese en que as características dunha planta destas dimensións e actividade resultan incompatibles co uso pesqueiro do porto de Oza e co equilibrio ambiental dunha zona próxima ás praias de Oza e Santa Cristina e á ría do Burgo. A resolución do Supremo non entra aínda no fondo do debate ambiental, pero si obriga agora á Xunta a facelo.