O Sporting Burgo e o Club Femenino Celas gañan os trofeos de fútbol afeccionado e feminino de Culleredo

Culleredo viviu esta fin de semana unha nova xornada de protagonismo para o fútbol local coa disputa das finais do Trofeo Municipal 2026 no Campo Municipal de Rutis. O Sporting Burgo proclamouse campión do torneo de fútbol afeccionado, mentres que o Club Femenino Celas se impuxo na competición feminina. No fútbol base, o título foi para o Olímpico de Rutis A.
A xornada contou coa presenza do alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, e da primeira tenente de alcalde e concelleira de Deportes, Cristina Pardo, durante as entregas de premios.
No XLVII Trofeo de Fútbol Afeccionado, o Sporting Burgo conquistou o título tras superar ao Olímpico de Rutis na final, disputada no Municipal de Rutis.
Pola súa banda, o VIII Trofeo de Fútbol Feminino resolveu o seu campión mediante un triangular entre o Sporting Burgo, o Club Femenino Celas e a AD Culleredo. O conxunto do Celas rematou na primeira posición e fíxose co título.
O fútbol base tamén celebrou as súas finais. No XII Trofeo de Fútbol Base, o Olímpico de Rutis A e o Olímpico de Rutis B enfrontáronse pola primeira posición, mentres que o Almeiras A e o Almeiras B disputaron o encontro polo terceiro e cuarto posto.
O torneo aínda terá unha última cita esta semana. A final do XXVII Trofeo de Fútbol Veterano enfrontará ao Olímpico de Rutis e ao SPM Veteranos este mércores 2 de setembro, ás 20:30 horas, no Campo Municipal de Rutis.
O alcalde de Culleredo felicitou os equipos polo nivel mostrado durante a competición e puxo en valor o traballo que realizan os clubs ao longo de todo o ano, tanto nas categorías superiores como no fútbol base.