O Skatepark de Eirís decidirá este sábado os campións galegos júnior de skateboarding

As novas promesas do skate galego teñen unha cita este sábado, 7 de novembro, na Coruña. O Skatepark de Eirís acollerá a final do Circuíto Galego Júnior de Skateboarding 2026, unha competición na que se decidirán os títulos autonómicos da tempada nas distintas categorías.
A proba, organizada pola Federación Galega de Patinaxe coa colaboración do Concello da Coruña, disputarase na modalidade Street e reunirá participantes de diferentes puntos de Galicia. As categorías previstas son Sub 7, Sub 10, Sub 12, Sub 15 e Promesas.
A xornada comezará cos adestramentos oficiais, programados entre as 12.00 e as 14.00 horas, mentres que as probas competitivas arrancarán ás 15.00 horas. Para participar será necesario contar coa licenza federativa en vigor.
A competición tamén servirá para poñer en valor o talento local nunha disciplina que conta con referentes coruñeses como Julia Benedetti e Luis Cabarcos. Ambos os deportistas contribuíron a dar visibilidade ao skateboarding e a impulsar o interese das novas xeracións por este deporte.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou a importancia de que a cidade acolla competicións destas características para fomentar a práctica deportiva entre a infancia e a mocidade. O edil defendeu a aposta do Goberno local por ofrecer espazos e oportunidades para o desenvolvemento de todas as modalidades deportivas, incluídas as disciplinas urbanas.
Neste sentido, puxo en valor o Skatepark de Eirís como unha instalación municipal que facilita a práctica do skateboarding e permite impulsar deportes cunha implantación cada vez maior entre a mocidade.
A final deste sábado porá o broche ao circuíto autonómico de 2026 e permitirá coñecer os novos campións e campioas galegos de Street nas diferentes categorías.