O Torneo de Verán de tenis de Ordes xa ten campeóns tras unha edición marcada polo alto nivel competitivo

O Torneo de Verán de tenis 2026 de Ordes chegou ao seu remate tras varias xornadas de competición nas que os participantes ofreceron un elevado nivel de xogo. A nova edición do campionato concluíu coa proclamación dos campións nas categorías infantil e absoluta, poñendo o broche final a unha cita xa consolidada dentro do calendario deportivo estival do municipio.
Na categoría infantil, o título foi para Simón Blanco Cela, mentres que Manuel González Gómez finalizou como subcampión. O terceiro posto foi para José Crespo Sánchez e a cuarta posición correspondeu a Iago Villaverde Nouche.
Pola súa banda, na categoría absoluta, Daniel Núñez Sánchez proclamouse campión tras unha destacada actuación ao longo do torneo. O segundo posto foi para Pablo Castro Corbelle, mentres que Abel Crespo Sánchez rematou terceiro e Luis A. Villaverde Carballido ocupou a cuarta posición.
Desde o Concello de Ordes quixeron felicitar aos campións, finalistas e ao conxunto dos participantes polo nivel demostrado durante toda a competición, destacando o espírito deportivo e o compromiso exhibidos ao longo do torneo.