O servizo de Urxencias do CHUAC recibe o premio Amtega polo seu proxecto UMAX

GaliciaXa | ACoruñaXa
A iniciativa permite mellorar a trazabilidade física e asistencial dos pacientes mediante tecnoloxías de comunicación e xestión de datos
A CORUÑA chuac
20 May 2026

O servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña foi recoñecido co Premio Amtega ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2026 polo seu proxecto UMAX, unha iniciativa centrada na trazabilidade física e asistencial dos pacientes.

O galardón será entregado no marco da XXX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que se celebrará o vindeiro 29 de maio na Coruña. O encontro, organizado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, chega este ano ao seu trixésimo aniversario baixo o lema 'Defensa invisible'.

O premio distingue o uso de tecnoloxías avanzadas de comunicación e xestión de datos para mellorar a atención sanitaria nun servizo de alta presión asistencial, que atende a máis de 156.000 pacientes ao ano. O proxecto UMAX permite avanzar nun seguimento máis preciso dos circuítos asistenciais e contribúe a optimizar a organización interna das Urxencias.

Os responsables da iniciativa son Lino Carrajo García, xefe do servizo de Informática; María de la Cámara Gómez, xefa de sección de Urxencias; e José Manuel Fandiño Orgeira, coordinador deste servizo. O recoñecemento súmase a outros premios recibidos por este sistema innovador de trazabilidade en tempo real, entre eles o outorgado polo IESE.

A Noite Galega das Telecomunicacións porá este ano o foco no papel das telecomunicacións na seguridade e na defensa, desde as comunicacións seguras ata os sistemas de vixilancia, os satélites, os dispositivos non tripulados ou a protección fronte aos ciberataques. O evento recoñecerá tamén a traxectoria de profesionais e proxectos destacados do ámbito tecnolóxico, sanitario e da defensa.

Con este premio, o CHUAC reforza a súa posición como centro de referencia na aplicación de solucións tecnolóxicas ao ámbito sanitario e pon en valor o impacto directo que a innovación pode ter na atención diaria aos pacientes.

0.13178396224976