O servizo de Emerxencias de Oleiros atendeu 479 situacións no 2023
O servizo de Emerxencias Oleiros rexistrou no 2023 case medio milleiro de intervencións diferentes. O corpo operativo creado no 2007 foi potenciado ao longo destes anos para garantir á cidadanía un sistema de resposta rápida ás incidencias e urxencias que se presentan na vida diaria.
En total forman parte del doce persoas cun gran aprecio pola cidadanía, pois resolven con eficacia e con chegada rápida a calquera punto do Concello, as situacións de risco ou nos accidentes para os que son requiridos tanto polo 112 como por calquera corpo de seguridade pública.
No balance do pasado ano de Emerxencias de Oleiros sobresaen as saídas relacionadas coas árbores, que sumaron máis de cen. Tamén interviñeron en 66 incendios e 47 accidentes de tránsito, entre outras actividades como salvamentos, asolagamentos ou actividades preventivas. Das 248 asistencias técnicas destacan as 112 relacionadas co arborado, 33 limpezas viarias, 32 comprobacións ou retiradas de niños de avespa asiática, 17 aperturas forzadas de portas ou 13 saídas relacionadas con portas e cables.
Entre as intervencións relacionadas coa seguridade viaria presentáronse en 18 accidentes con persoas feridas, 10 con persoas atrapadas, 3 que precisaron asistencia sanitaria e un accidente no que non houbo ninguén ferido.
En canto aos incendios, 20 tiveron lugar en vivendas, 11 en elementos urbanos e 9 en vehículos. Nas operacións de rescate e salvamento, Emerxencias interveu en 8 vivendas, 3 vehículos, 2 de carácter marítimo e unha ocasión no ámbito forestal. Rexistráronse 18 casos de asistencia sanitaria en vivendas, entre outras necesidades deste tipo. Tamén participaron na procura dunha persoa desaparecida.
A inmensa maioría das intervencións realizáronse en Oleiros, ainda que tamén houbo 3 casos en Sada, 2 en Cambre e 1 na Coruña. Destaca que mércores (84), xoves (74) e venres (78) son os días de máis demanda deste servizo público. As fins de semana rexístrase menos actividade (69 casos nos sábados de 2023 e 61 os domingos) O luns é o día que rexistra menos actividades (52 ao longo de todo o pasado ano).